Galicia esgota hoxe os seus recursos enerxéticos e pasa a depender o resto do ano de enerxía fósil importada

por Redacción Galicia

 O 75,2 % dos recursos enerxéticos usados en Galicia son de orixe fósil e importados maioritariamente do Sur global, Rusia e EEUU

O Día da Depredación Enerxética é un concepto creado polo Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) que pretende visualizar a enorme dependencia da sociedade galega de enerxía fósil importada. O uso de enerxía fósil  é responsábel do 71,1% das emisións galegas de gases causantes de crise climática (2021).

O OGACLI define o Día da Depredación Enerxética como o día do ano no que a demanda de recursos enerxéticos en Galicia iguala a produción de recursos enerxéticos autóctonos, case todos de orixe renovábel (auga, vento e biomasa principalmente e cun peso semellante). A partir dese día, a vida social e económica do país paralizaríase totalmente de non ser pola importación masiva de enerxía fósil (petróleo, gas fósil e carbón), procedente maioritariamente do Sur global, Rusia e EEUU.

informe Día da Depredación Enerxética (2021) calcula que os recursos enerxéticos galegos esgotáronse o 1 de abril. Emprega para iso a información oficial sobre o uso de enerxía primaria, isto é, sobre os recursos enerxéticos a partir dos que se obtén a enerxía dispoñíbel para o consumo (combustíbeis, calor, electricidade).

Os recursos enerxéticos renovábeis galegos obxecto de aproveitamento adóitanse acabar nalgún día de marzo, sendo a primeira vez desde 2010 en que non se esgotan até abril. Pódese supor que en 2024 o Día da Depredación Enerxética acontece realmente nunha data próxima ao 1 de abril. Polo tanto, Galicia dependería tamén este ano de enerxía fósil importada para cubrir a demanda da súa economía durante uns nove meses do ano.

A enerxía galega renovábel só achega o 24,8% de toda a usada en Galicia. O  aproveitamento dos recursos enerxéticos renovábeis galegos tendeu ao estancamento durante os últimos anos, pero o peso da enerxía primaria galega na total medrou uns seis puntos desde 2018 grazas ao brusco declive no uso do carbón na produción eléctrica. En 2021 o emprego de carbón volveu baixar con respecto ao ano anterior, importándose sobre todo desde Indonesia e Rusia.

O petróleo é o recurso enerxético máis utilizado no noso país. O uso de cru de petróleo, ligado á actividade da refinaría da Coruña, repuntou un pouco en 2021 despois da caída en 2020 causada pola COVID-19, mentres que o emprego de produtos petrolíferos recuperou en 2021 niveis similares aos previos á pandemia. 

As principais áreas de procedencia do petróleo e derivados importados por Galicia en 2021 foron América do Norte (Estados Unidos, México), o Magreb (Libia, Alxeria) e Rusia.

Desde 2019, o gas fósil, tamén chamado gas natural, é o segundo combustíbel fósil máis usado en Galicia. Favorecido polo escaso crecemento da potencia eléctrica renovábel, o gas fósil substituíu parcialmente o carbón na xeración eléctrica, aumentando o seu uso nada menos que o 50,2% entre 2018 e 2021. Porén, en 2021 apenas creceu con respecto a 2020. Medrou o consumo galego pero baixaron as reexportacións, que foron elevadas en 2020.

En 2021 todo o gas natural importado en Galicia foi gas natural licuado transportado en 24 barcos metaneiros descargados na planta regasificadora de Reganosa en Mugardos, procedentes maioritariamente de Rusia (10), Estados Unidos (6) e África (6).

É salientábel a nosa dependencia enerxética fósil de Rusia, en particular en 2021, ano previo á invasión rusa de Ucraína, no que Rusia foi un subministador principal de carbón, petróleo e gas fósil a Galicia.

Atrasarmos rápida e progresivamente o Día da Depredación Enerxética implica diminuírmos á vez a dependencia enerxética, as emisións de gases causantes da crise climática e máis a exportación a outros países, a miúdo do Sur global, dos impactos socioambientais asociados á  demanda galega de recursos enerxéticos.

Para que o Día da Depredación Enerxética sexa cada vez máis serodio é necesario actuar de forma simultánea e decidida en tres grandes frontes: o fin rápido e planificado do sector enerxético fósil (refinaría, regasificadora, centrais de ciclo combinado a gas fósil), o decrecemento xusto do consumo enerxético galego e o desenvolvemento responsábel das enerxías renovábeis a todas as escalas.

Informe “Día da Depredación Enerxética 2021”

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario