Cada 24 de outubro, a UNED de Lugo súmase á conmemoración do Día Internacional contra o Cambio Climático mediante diversas iniciativas de divulgación. Este ano, o enfoque céntrase na necesidade urxente de concienciar á sociedade sobre a crise ambiental e social que enfronta o noso planeta. Para elo, realizaranse dúas actividades unha conferencia que leva por título Crise Climática e Redes Sociais: Entre a urxencia, a indiferenza e o negacionismo» e unha feira científica con alumnado do Bacharelato STEM do IES Ollos Grandes á que asistirán estudantes de primaria do CEIP Anexa.
En 2024, a universidade levará a cabo dúas actividades significativas o luns 28 de outubro na súa sede. A primeira delas será unha conferencia a cargo do recoñecido ambientólogo e oceanógrafo Diego Ferraz. A súa charla, titulada «Crise Climática e Redes Sociais: Entre a urxencia, a indiferenza e o negacionismo», explorará a influencia que teñen as redes sociais na comunicación sobre a crise climática.
Diego Ferraz conta cunha destacada traxectoria no ámbito da educación ambiental e colaborou en múltiples proxectos europeos a través da Fundación Biodiversidade. Actualmente, é membro da Fundación Renovables e utiliza a súa plataforma, Ecodiuku, para difundir mensaxes sobre sustentabilidade e protección do medio ambiente. Na súa conferencia, ofrecerá unha perspectiva crítica sobre os retos contemporáneos na comunicación ambiental, analizando como a saturación de información e desinformación nas redes pode afectar a percepción e resposta ante a crise climática. A educación ambiental eríxese, así, como un alicerce fundamental para fomentar a comprensión e a acción efectiva neste ámbito.
Ademais, nun esforzo por involucrar ás novas xeracións nesta importante causa, os estudantes de STEM do Bacharelato realizarán unha feira científica dirixida ao alumnado de 5º de Primaria do CEIP Anexa. Este taller, que levará a cabo na sede da UNED de Lugo, permitirá aos mozos científicos presentar os proxectos que desenvolveron na materia de Bioloxía, centrados en temas cruciais para entender e combater a crise climática actual.
A través das súas investigacións e presentacións, os estudantes non só compartirán valiosos coñecementos científicos, senón que tamén buscarán inspirar nos seus compañeiros e compañeiras máis novas unha
conciencia ambiental activa. Esta iniciativa destaca a importancia do coñecemento como ferramenta para enfrontar os desafíos globais, promovendo un sentido de responsabilidade cara ao coidado do planeta e
fomentando un futuro máis sustentable desde a educación e a acción conxunta.
Con estas actividades, a UNED de Lugo reitera o seu compromiso coa educación ambiental e a loita contra o cambio climático, involucrando tanto a estudantes como á comunidade en xeral na procura de solucións
efectivas para un dos maiores retos da nosa era.