Paloma Castro sobre os Orzamentos de Medio Ambiente para 2025: “unha oportunidade perdida logo dunha década sen subirse ao tren da loita contra o cambio climático”

por Redacción Galicia

Acusa á Xunta de provocar un “circo” co canon de Sogama, obrigando aos concellos a pagar polos incumprimentos dos requisitos ambientais por parte da empresa, á que agora compensarán con 10 millóns de euros.

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, dixo hoxe que os Orzamentos da Consellería de Medio Ambiente para o próximo ano constitúen “unha oportunidade perdida” logo dunha “década sen subirse ao tren da loita contra o cambio climático”. Castro interveu na comparecencia da conselleira no Parlamento para presentar os orzamentos para o próximo ano na que bautizou ironicamente como “Consellería contra o Medio Ambiente”.

A responsable socialista alertou do “incumprimento reiterado de tódalas directrices e obxectivos e políticas medioambientais, tanto propios como estatais ou europeos” que non vai mudar cun orzamento “continuísta” presentados por unha conselleira que vén de protestar polo empeño do presidente do goberno pro cumprir co Pacto Verde Europeo. 

Castro comezou por lembrarlle que a transición enerxética “non é unha opción, é unha obriga”, mentres lembrou que o 79 pro cento da enerxía primaria consumida en Galicia é importada e procedente de combustibles fósiles, mentres só o 21 por cento corresponde a produción propia renovable.

Sinalou aos gobernos do PP como “principal responsable” de que Galicia careza hoxe dunha planificación do potencial enerxético e do fiasco do desenvolvemento da enerxía eólica logo de ter paralizado en 2009 o plan eólico do goberno socialista. A responsable socialista explicou así que a suspensión cautelar de boa parte dos preto de 60 parques eólicos deriva de que foron autorizados polo goberno galego en zonas protexidas, .

O circo de Sogama

A responsable socialista esixiulle á conselleira de Medio Ambiente que lidere un gran acordo de país sobre a xestión dos residuos que supere o modelo de incineración de Sogama co que teñen “montado un circo no que xa non sabemos en que pista están” en torno á suba do canon provocado polo seu incumprimento das directrices europeas. 

Reclamoulle á conselleira que aclare “que van facer cos 12 millóns de euros” de recadación do imposto de incineración e vertedoiro de Sogama e se vai reducir o fondo de compensación ambiental para compensar aos concellos pola suba do canon. Esixiulle que expliquen “por que premian a Sogama con 10 millóns de euros cunha achega para a “nivelación do canon de tratamento de residuos” cando incumpre as prioridades fixadas pola UE na xestión de residuos.

Castro criticou a xestión do canon da auga por parte do goberno galego, que aumenta nun 3,23 por cento recadando 63 millóns de euros, aos que suman 15 millóns de coeficiente de vertido que despois son repartidos “principalmente a concellos do PP” cos criterios de discrecionalidade e amiguismo”. 

Conservación da biodiversidade

Tamén censurou o “moi baixo” orzamento para conservación da biodiversidade, que polo contrario amosa un “moi alto nivel de tolerancia e permisividade ante as agresións ao medio”, ata o punto de que reduciron o orzamento a medio ambiente dende os 295 millóns que dedicaba o goberno presidido polo socialista Pérez Touriño en 2009 a apenas 22 millóns en 2025. 

Mentres, subliñou Galicia pasa por ser a Comunidade Autónoma coa menor superficie protexida por Rede Natura do Estado, e teñen plan de xestión aprobado e en vigor para só catro das 200 especies que compoñen o Catálogo galego de especies ameazadas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario