99-62: O Perfumerías Avenida-Xoborg Tormes non dá opción aos betanceiros
Pouco puido facer na tarde do sábado o Ineltrón Santo Domingo fronte ao Perfumerías Avenida de Salamanca, un dos máis serios candidatos ao ascenso ao remate de temporada. Trinta e sete puntos de desvantaxe e a inequívoca sensación de que o rival xoga noutra liga. Xa no 1Q , co americano Cardaci completamente desatado, os salmantinos sentenciaron un partido no que os de Doc volveron facer gala das súas malas porcentaxes de tiro, moitos deles debaixo de canastra: 31-17. Igualouse un tanto a cousa no 2Q, na que os de Betanzos marcharon ao descanso 9 puntos abaixo (a 6 a alta de pouco máis de 2 minutos), pero o terceiro período esvaeceu por completo a miraxe (29-8 de parcial) e un 75-45 no marcador que deixaba todo sentenciado para o último cuarto.
Na parte positiva, o dobre-dobre de Sanjurjo (13 puntos 10 rebotes) que segue postulándose como un dos sub-22 máis destacados da categoría e o bo partido de Pepe Moreno (11 puntos 5 rebotes), un xogador indispensable para as aspiracións do Santo Domingo Betanzos. Cumpriron tamén Abelleira e Dani Martín (11 e 10 puntos) e menos fortuna para un Brezo que debe sacar mellores números das súas condicións.
No debe, máis unha vez, unhas porcentaxes de tiro impropias da categoría: 16/50 en tiros de 2 e 6/37 en triplas, só adozadas por un 12/16 en tiros libres.
Así valoraba o partido Antonio “Doc” a propia noite do sábado, no curso do regreso da expedición betanceira a Salamanca: “Na primeira parte non puidemos defender a Cardaci, e aínda que nos recompuxemos no segundo cuarto, no terceiro deixamos de anotar, concedendo moitos puntos ao contraataque, e á final, eles foron estricando a diferenza pouco a pouco. Non defendemos como había que defender e en ataque entramos progresivamente en colapso”.
Próxima semana, visita dun Obradoiro que (talvez por calendario) aínda non coñece a vitoria.
Meritorias vitorias do 2ªAutonómica, do Infantil de Primeira e dos equipos mini.
Polo que toca ao resto do club, a fin de semana do 26-27 de outubro deixou a segunda vitoria do equipo filial de Segunda Autonómica (51-62) en Santiago fronte ao Rosalía, o duro partido dos infantís de primeira División do J. Caamaño Arquitecto contra Estudiantes Lugo Río de Galicia (53-74), que viaxaron só con 7 xogadores, e o pleno en mini, tanto feminino coma masculino. Gañaron tamén as infantís e os cadetes de Grelo estiveron a piques de facer o propio cun Básquet Coruña que soubo xogar mellor os
últimos minutos: 62-67.