A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, pon en valor o traballo da comunidade galega en Brasil á hora de manter vivas as tradicións culturais e gastronómicas da nosa Comunidade e preservar os lazos de unión entre Galicia e a diáspora.
A número dous dos populares galegos participou esta fin de semana no cocido galego organizado polo Centro Español de Santos, ao que asistiron máis de 300 persoas e entre as que se atopaban varias xeracións de galegos residentes neste municipio ubicado no litoral do estado de São Paulo.
Este centro comunitario, cuxas orixes se remontan ao século XIX e que agrupa a varias entidades, ten entre as súas liñas de traballo o fomento da galeguidade co obxectivo de manter os lazos socio-culturais co pobo galego a través de eventos culturais, educativos, deportivos e gastronómicos.
Paula Prado, que estivo acompañada pola responsable do PP no estado de São Paulo, Amanda Barrio, aproveitou a súa presenza para agradecerlle aos directivos da asociación e a aos seus socios que permitan que os fillos e netos dos galegos que no seu día emigraron a Brasil poidan hoxe seguir formándose e participando en actividades conxuntas, como este cocido, mantendo viva así a cultura galega.