A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza Fernández, lidera, en representación da Universidade da Coruña, esta iniciativa de innovación docente que coordina a empresa sueca Research Unfolded Sweden AB
Deseñar unha plataforma educativa que fomente a aprendizaxe baseada na investigación botando man dunha serie de algoritmos de aprendizaxe automático e da intelixencia artificial para atopar as publicacións, os libros ou os artigos científicos máis axeitados en función da temática que se estea a estudar. Este é o principal obxectivo do Proxecto Europeo Erasmus+ Research based teaching for life-long LEARNing (RELEARN) que lidera, en representación da Universidade da Coruña, a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza Fernández.
A empresa sueca de servizos dixitais de apoio ás actividades de investigación e educación Research Unfolded Sweden AB coordina este proxecto de innovación docente no que tamén participan a Josip Juraj Strossmayer University of Osijek (Croacia), a Sapienza Università di Roma (Italia), a University West (Suíza), a Universidade da Coruña (España) e a empresa de programación informática RUn IT (Bosnia e Herzegovina).
O mércores 13 de novembro, a Sala de Conferencias do Edificio de Batallóns do Campus Industrial de Ferrol, acollerá unha sesión de traballo en liña entre todos os socios na que profesorado universitario, alumnado de distintos niveis educativos e estudantado de programas de doutoramento presentará os avances desta iniciativa de innovación docente e testeará esta plataforma para propoñer posibles melloras e abrila ao conxunto da sociedade.
O Proxecto Europeo Erasmus+ Research based teaching for life-long LEARNing (RELEARN) conta cun orzamento total de 251.350 euros. A Universidade da Coruña dispón de 36.570 euros para levar a súa parte do proxecto grazas ao traballo do profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas do Campus da Coruña así como de alumnado do programa de doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial.
Foto portada: A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza Fernández, lidera, en representación da Universidade da Coruña, o Proxecto Europeo Erasmus+ RELEARN, unha iniciativa de innovación docente que pretende deseñar unha plataforma educativa que fomente a aprendizaxe baseada na investigación.