O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo na undécima gala Crer no Movemento Veciñal que organiza a Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE). Un acto que acolleu un ano máis o Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo ao que asistiron autoridades e representantes do tecido asociativo, empresarial e social de toda Galicia.
Tomé Roca destacou na súa intervención que Lugo é unha provincia “referente no asociacionismo en defensa do común” e puxo en valor que “as asociacións de veciños estiveron presentes en momentos clave para impulsar o nacemento da democracia ou para reivindicar a autonomía. E seguen a estar presentes para defender día a día os intereses lexítimos e as aspiracións da cidadanía”.
“Coma sempre, estes premios son un exemplo de pluralidade e diversidade”, destacou o mandatario provincial, quen puxo en valor que se distinga a persoas e institucións valoradas por estar a carón da veciñanza. Nese sentido, destacou aos premiados de Lugo, a Alcaldesa Paula Alvarellos e ao director do diario El Progreso, Alfonso Riveiro. Da primeira puxo en valor que é “unha excelente compañeira do mundo da política” e do segundo que se trata “dun xornalista recoñecido”.
Os premiados
Tamén recibiron galardón COGAVE 2024 Xosé Luis Foxo Rivas, director e fundador da Real Banda de Gaitas de Ourense; o escritor Justo Calviño; o proxecto de voluntariado no Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera; o grupo naturalista Habitat; a Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Ferrol-Narón; Alfonso Gil Montalvo, delegado episcopal de Cáritas; a escritora Fina Casalderrey; a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Pontevedra; e a Natalia Prieto Viso, directora xeral de Administración Local, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta.