Estes efectivos ourensáns partiron esta mañá desde o parque de bombeiros de Verín e acoden aos territorios afectados pola DINA en colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA)
Con motivo das graves inundacións producidas pola DINA en Valencia, dúas dotacións do Consorcio Provincial de Ourense partiron esta mañá cara os territorios afectados desde o Parque de Bombeiros de Verín. Estes efectivos acoden en colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e foron despedidos polo vicepresidente terceiro e deputado provincial de Emerxencias, Plácido Álvarez, acompañado polo xefe de sección de Emerxencias da Deputación, José Ramón Sánchez Feijóo.
As dotacións procedentes dos parques de O Carballiño-O Ribeiro e Verín, partiron do parque de bombeiros de Verín en dous vehículos 4×4 que van provistos de kit de bomba, material de limpeza viaria, bombas de achique, vadeadores, equipos de excarceración, equipos de iluminación, e o subministro suficiente para ser autónomos durante varios días.
O vindeiro luns día 11 de novembro está prevista a saída doutras dúas dotacións procedentes dos parques de Valdeorras e A Limia, para dar relevo as dotacións xa desprazadas ao lugar da catástrofe.