Besteiro: “Non aceptaremos nin cupos, nin vetos nin componendas na Comisión de Investigación”

por Redacción Galicia

O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista insistiu en que o compromiso do seu grupo é utilizar todos os instrumentos ao seu alcance para asegurar que esta comisión  -sobrecuste do Cunqueiro e contratacións a dedo vinculadas a altos cargos de PP- cumpra coa súa función de investigar en profundidade os feitos. “Veremos quen poñerá obstáculos, como xa están facendo algúns, ou quen busca acordos bilaterais que no favorecen á transparencia”, sinalou dende O Barco de Valdeorras.

O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu que o Grupo Parlamentario Socialista “non vai aceptar vetos, nin cupos, nin componendas” na Comisión de Investigación do Parlamento de Galicia destinada a esclarecer o sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro, os contratos en pandemia e as contratacións a dedo a familiares de altos cargos do Partido Popular, entre eles persoas próximas a Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda.

«A primeira proposta que está sobre a mesa é única e exclusivamente a que propón o Partido Popular para esta comisión. A busca da verdade non admite ningún tipo de condicións nin de vetos. Nós non vetamos ningún nome para que participe nesta comisión, así que cal é o problema», manifestou Besteiro dende O Barco de Valdeorras onde asistiu a un encontro co alcalde para falar dos Orzamentos da Xunta de Galicia.

O líder socialista subliñou que a responsabilidade dos partidos é permitir que todos os implicados declaren sen restricións, en beneficio da transparencia e a rendición de contas que esixe a cidadanía galega.

«Queremos saber que pasou para que haxa un sobrecusto no Álvaro Cunqueiro de máis de 470 millóns e como se adxudicaron contratos menores a dedo en plena pandemia, especialmente en áreas relacionadas coa sanidade», sinalou Besteiro. «E queremos coñecer o entramado de relacións familiares e de amizades de altos cargos do Partido Popular implicados nestas contratacións».

Besteiro insistiu en que o PSdeG non aceptará ningún tipo de veto ou imposición. «Non nos importa que o PP propoña nomes, pero non admitiremos que intenten impoñer cotas ou restricións ao noso traballo nesta comisión», engadiu. «Nin vetos, nin componendas. Se ten que durar máis, que dure máis; se é preciso ampliar os horarios, que se amplíen.»

A postura do PSdeG, explicou, é clara: o Partido Socialista non poñerá trabas nin obstáculos para descubrir a verdade. «A quen poña obstáculos ou dificulte o traballo desta comisión, queda claro que algo ten que ocultar», advertiu Besteiro.

José Ramón Gómez Besteiro explicou que o compromiso das e dos socialistas é utilizar todos os instrumentos ao seu alcance para asegurar que esta comisión cumpra coa súa función de investigar en profundidade os feitos: “A verdade non permite condicións, cupos, nin componendas, e, por suposto, non aceptaremos ningún veto. Veremos quen poñerá obstáculos, como xa están facendo algúns, ou quen busca acordos que nós non imos consentir», concluíu.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario