Sumar Galicia proporá unha batería de iniciativas parlamentarias co obxectivo de “recuperar para público a AP-9” en 2026

por Redacción Galicia

O Portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, acompañado da deputada Verónica Martínez Barbero e do deputado Manuel Lago, veñen de comparecer en rolda de prensa para anunciar, en palabras de López, que a formación galega “proporá ao Grupo Plurinacional de Sumar realizar unha batería de iniciativas parlamentarias” no Congreso para a recuperación para o público da AP9 en 2026. Para o portavoz de Sumar Galicia, “xa basta de parches, xa basta de descontos que engrosan as contas de resultados de Audasa, isto non é suficiente. É hora de tomar decisións e dar un paso adiante. Imos en serio. Un punto e aparte en Galicia significa unha AP9 pública e gratuíta dende Ferrol ata Tui”. Nesta liña o deputado Manuel Lago indicou, igualmente, que en 2026 vencen as concesións de case todas as autoestradas do Estado, e que a única con máis de 100 km será a AP9.

O deputado pola Coruña tamén quixo destacar a posición política da formación laborista a respecto do proxecto industrial que Altri quere instalar en Palas. En palabras de Lago, “Sumar oporase a este proxecto, con iniciativas parlamentarias e con toda a forza dos seus cinco ministro no Goberno”, e adiantou que o 21 de maio recibirán no Congreso dos Deputados á Plataforma Ulloa Viva.

Finalmente, a deputada Verónica Martínez Barbero púxolle “deberes” a Pedro Sánchez para “concretar” o “punto e parte”. Entre as seis medidas está de afrontar “o maior problema do Estado, tamén de Galicia, que é a vivenda”, apostando pola regulación dos pisos turísticos; igualmente a redución da xornada laboral, reducíndoa ata as 37.5 horas. As outras catro medidas anunciadas pola deputada por Pontevedra foron o da derrogación de chamada lei mordaza, ampliar os permisos por nacemento, recuperar a calidade da sanidade pública e democratizar a xustiza. Neste último punto Martínez Barbero propuxo “cambiar a lei para garantir que se remate co bloqueo do CGPJ e democratizar o acceso á carreira xudicial”.

Finalmente o portavoz de Sumar Galicia fixo un chamamento a participar “masivamente nas manifestación do primeiro de maio, en defensa da democracia e dos dereitos da clase traballadora galega”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario