O Partido Popular puxo hoxe de exemplo a Lalín de como queren que sexan os concellos que gobernan, neste momento xa 154 en toda Galicia e 27 na provincia de Pontevedra: «estables, ben xestionados e cada vez con mellores servizos, como o novo Centro Integral de Saúde».
Durante o multitudinario V Magosto do PP de Lalín, ao que asistiron máis de 1.200 persoas, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou «a Galicia que funciona, que toma como exemplo este concello, a alcaldes referentes como José Crespo ou ese novo centro de saúde».
A número dous dos populares galegos salientou a Galicia liderada por Alfonso Rueda, con conselleiros da zona como Román Rodríguez ou José López Campos, que «camiñan cara un futuro próspero e cara ao benestar dos galegos a e galegas», e subliñou que o PPdeG é maioría nos concellos, no Parlamento de Galicia, no Congreso, no Senado e no Parlamento Europeo.
«Somos unha Comunidade que escapa dos extremismos e do radicalismo do BNG e da indiferenza do PSdeG, que onte, a través do seu secretario xeral, volveu mostrar os cambios de opinión respecto ao apoio ao cuponazo catalán e a submisión a Sánchez», sinalou.
En clave local, Paula Prado sinalou que Lalín é «un lugar que funciona grazas, en gran parte, ao PP», e lembrou que hai nove meses, o presidente Rueda recibiu neste lugar un apoio «histórico» de máis de 7.400 votos, case un 64%. E pouco despois, o municipio achegou case 5.000 votos para contar, por primeira vez, cun eurodeputado «de verdade, do PPdeG». «O matrimonio entre o Partido Popular e Lalín leva un 2024 espectacular, despois dun 2023 tamén memorable cos logros da alcaldía e a Deputación. Agardo que a relación dure moito tempo», concluíu.
JOSÉ CRESPO, «MODELO DE DEFENSA E AMOR POLO CONCELLO»
Na súa intervención, o presidente do PP de Pontevedra, Luis López, agradeceu a multitudinaria asistencia e destacou que este respaldo «demostra a enorme identificación social», por parte dos veciños de Lalín e da comarca do Deza, do proxecto do PP de Galicia «como máximo valedor e defensor dos intereses xerais» desta zona do interior da provincia.
Así mesmo, louvou o traballo do alcalde, que é «un modelo de xestión, defensa e amor polo seu concello de xeito sostido, xa que leva entregado á súa terra durante 35 anos cunha gran vocación de servizo público».
Pola súa banda, o rexedor e presidente do PP local, José Crespo, salientou as políticas públicas do PP desde a Xunta como «as mellores para acadar os maiores niveis de progreso en Lalín» e puxo como exemplo máis recente o novo Centro Integral de Saúde, ao que cualificou como «unha infraestrutura sanitaria de vangarda e do máximo nivel europeo», que permitirá «dar outro salto máis na atención aos lalinenses e aos dezaos». «Este centro médico é de primeira, é o que merecían os nosos veciños, e demostra a boa saúde da nosa sanidade pública», detallou.
Finalmente, o acto contou cun recoñecemento e distinción do PP de Lalín a diversos cargos da Xunta e doutras institucións pola súa enorme colaboración nos últimos tempos co municipio. Os premiados foron o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o eurodeputado popular Adrián Vázquez; o director xeral de Gandaría, José Balseiros; o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; e os ex conselleiros de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña e Julio García Comesaña.