O prazo de solicitudes estará aberto entre o 15 de novembro e o 16 de decembro
A Deputación da Coruña abriu hoxe a convocatoria do programa de subvencións DP0030/2025, dirixido a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos da provincia, para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas en 2025. A contía das axudas é de 2 065 000 euros, dos que os beneficiarios poderán recibir un máximo de 150 000. O prazo de solicitudes estará aberto entre o 15 de novembro e o 16 de decembro.
O obxecto da convocatoria é o fomento da creación de produtos turísticos, mellora da difusión e posicionamento turístico do territorio, fomento da formación no sector e avances na calidade do segmento de mercado, co financiamento de áreas como a formación, a implementación de plans, o desenvolvemento de actividades e a contratación de persoal especializado.
O vicepresidente provincial e titular de Turismo, Xosé Regueira, destacou «a obriga de facilitar o traballo e a cooperación entre todos os axentes do sector para a promoción turística da provincia dende un punto de vista sostible pero tamén cohesionado e que prima a calidade». «Estas axudas», engadiu, «teñen gran importancia pola diversidade da nosa oferta turística nun territorio que alberga oito xeodestinos moi diferentes, pero con liñas estratéxicas conxuntas que son o resultado dese traballo colaborativo».
En 2024, Turismo da Deputación distribuíu axudas por valor de 2 006 200 euros entre 18 beneficiarios; entre eles, Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, : Asociación de Concellos Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, Asociación para o Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos ou Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau.
As bases da convocatoria está publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 11 de febreiro. Tanto as solicitudes coma o resto da tramitación do programa realizaranse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible dende a sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña.