O evento celebrarase o vindeiro xoves, día 21 de novembro, ás 12:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Dereito da UDC.
A Cátedra Greenalia-UDC organiza a mesa redonda “O futuro industrial de Galicia: Garantías xurídicas para un desenvolvemento competitivo”, un espazo de diálogo en torno ao papel crucial do sector xurídico no impulso industrial galego. O evento celebrarase o vindeiro xoves, día 21 de novembro, ás 12:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Dereito da UDC, no Campus de Elviña, e contará coa participación de expertos que abordarán o tema desde diferentes perspectivas.
Así, realizarase unha análise do panorama xurídico actual, cunha revisión da situación normativa a nivel europeo, nacional e rexional, e a súa aliñación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Un marco no que se debaterá sobre os obxectivos establecidos nos diferentes plans europeos e estatais e do impacto da lexislación na execución de proxectos industriais estratéxicos, así como no potencial para fortalecer o sector industrial de Galicia.
Por outra banda, afondarase nas perspectivas dos diferentes grupos de interese, cunha exploración das visións de distintos actores clave e da necesidade dunha coordinación efectiva entre eles.
Esta mesa redonda ofrecerá unha oportunidade única para coñecer e debater os aspectos legais que poden facilitar un crecemento industrial competitivo e sostible na rexión. Nela, participarán Carlos Abuín Flores, letrado da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia; Cristina Pedrosa Leis, avogada da Asociación Eólica de Galicia (EGA) e José Antonio Blanco Moa, profesor do Departamento de Dereito Público da UDC.
O webinar, ao que se poderá asistir tanto de maneira presencial como de maneira virtual, está aberto tanto ao alumnado e profesorado da UDC como ao público xeral. Para asistir, é necesario inscribirse na seguinte ligazón: https://www.fundacion.udc.es/curso.asp?ide=2129.
Sobre a Cátedra
A compañía Greenalia e a Universidade de Coruña impulsan a Cátedra de Transición Enerxética. Unha iniciativa coa que se prevé a transferencia de coñecementos sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seusefectos na Comunidade Autónoma de Galicia.