O equipo salmantino, nova pedra de toque para os de Doc.
Tras un inicio de liga marcado pola dificultade do calendario e uns parciais de 1 vitoria-4 derrotas que non deixan lugar a dubidas sobre a esixencia da Tercera FEB Grupo AB, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos recibe este domingo no Carregal a un deses equipos dos que se non se poden tirar conclusións dende os resultados acadados ata o momento (catro derrotas en catro partidos).
E se se fai fincapé nisto último é porque sobre o Recoletas Salud Carbajosa (Carbajosa de La Sagrada, Salamanca) inciden nestes momentos iniciais de liga unha serie factores que non se poden obviar. Por un lado cabe dicir que se o calendario dos de Doc foi esixente, os dos salmantinos foi se cadra aínda máis duro (Ávila, Círculo Gijón, Universidad de Oviedo, Ávila); por outro, o equipo conta cunha “ plantilla acabada de crear para ocasión”, coma quen di, cunha fortaleza teórica en pista, cimentada nos seus estranxeiros (130 puntos e 50 rebotes en 4 partidos para o tándem Christopher Charles Teasley Jr e Willie Lee Guy III) e na achega en anotación (13,8 puntos por partido) e baixo o aro (30 rebotes) do escolta malagueño Adrián Ramírez, que aínda non tivo ocasión de verse proxectada no rendemento como conxunto na cancha.
Así ve o partido Antonio “Doc”, o adestrador do Ineltrón Santo Domingo Betanzos: “O seu posto na clasificación non é real. É un club creado este mesmo ano para competir na categoría, con ambición e fichaxes, e seguramente vaian cara arriba durante a temporada. Un equipo necesitado de gañar o seu primeiro partido sempre é perigoso, polo que intentaremos saír por todas e que esa presión xogue ao noso favor. Tamén é importante que o equipo se senta arroupado pola bancada tras as últimas derrotas e nos dea esa enerxía extra que supón xogar na casa. Non obstante, temos que intentar manter o ritmo e a concentración os 40 minutos, unha das nosas asignaturas pendentes este ano, para poder optar á vitoria”.
A cita, o domingo no Carregal ás 17h.
Difícil reto para as júnior de Infor-B co seu emparellamento da fase final de inverno
Por outra banda, e dentro dos moitos partidos que enfronta a canteira esta fin de semana, destaca o primeiro enfrontamento de cruces que vai disputar o júnior feminino Infor-B Santo Domingo Betanzos (cuartas na liga de inverno Coruña-Ferrol) contra Baxi Ferrol (primeiras), no que suporá o primeiro encontro dunha semifinal a ida e volta marcada pola severa superioridade amosada ata agora polas ferrolás, que xa gañaron ás betanceiras en fase regular por 64 puntos de diferenza. O partido terá lugar no pavillón do Carregal (futuro pavillón José María Valeiro “Tocayo”) o sábado ás 12h.
Outros encontros a disputar na casa son o do Grelo Santo Domingo sénior feminino Contra Arteixo (domingo 12h), o do sénior masculino de 2a División contra Kempape (domingo 19.15h), o de La Goleta de 3a fronte a Compañía de María (domingo 10h) e o do Grelo Santo Domingo Betanzos cadete contra Esclavas Riazor.