Tomé entrega os primeiros diplomas do Plan Agrupado de Formación 2024 da Deputación de Lugo

por Redacción Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, entregou este venres no Salón de Actos do Pazo de San Marcos os diplomas aos empregados e empregados públicos da propia institución e de diferentes concellos da provincia que completaron os primeiros cursos do Plan de Formación Agrupado 2024.

Procedemento contractual na Administración local, transformación positiva nos conflitos do traballo, atención cidadá, redacción de pregos técnicos e documentación preparatoria son as catro formacións acreditadas hoxe a preto de 100 persoas. Ademais, Tomé Roca tamén fixo entrega do título do plan propio sobre técnicas de prevención e seguridade na condución de vehículos, no que participaron 16 traballadores.

Destacou o mandatario provincial que o Plan Agrupado “cumpre un dobre obxectivo”, por unha banda, “damos ferramentas aos empregados e empregadas públicas da Deputación e os Concellos para progresar na súa carreira profesional” e por outra, “melloramos o funcionamento da Deputación, conseguindo unha administración máis áxil, eficaz e próxima e ofrecendo unha mellor atención aos concellos e á cidadanía”.

Esta é unha aposta “pioneira cando a lanzamos no 2021, polas características da formación, como polas súas dimensións e alcance”, en palabras do Presidente. Concretamente o Plan Agrupado 2024 conta cun total de 20 cursos nos que participarán un total de 980 persoas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario