Ademais, os cambios recollidos procuran adaptar algúns parámetros analíticos dos viños, que se están a ver afectados polo efecto do cambio climático
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha resolución pola cal se aproba a modificación dos pregos de condicións da Denominación de Orixe (DO) Valdeorras, solicitada polo seu consello regulador e tramítase, consonte ao establecido pola normativa, por parte da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Así, e entre outras cuestións, inclúese a posibilidade de elaborar viños rosados ao amparo desta denominación, xunto aos brancos e aos tintos que se veñen producindo desde sempre.
Ademais, nesta nova versión do prego de condicións realízase un axuste de determinados parámetros analíticos dos viños. En concreto, rebáixase o límite da acidez total nos tintos e auméntase o límite máximo da cantidade de sulfuroso total nos viños brancos, nos espumosos e nos tostados. Estas modificacións están relacionadas co cambio climático, xa que se pode percibir na bisbarra unha tendencia á obtención de viños con gradacións alcohólicas máis elevadas, o que inflúe na modificación doutros parámetros analíticos, en particular, a acidez total e a acidez volátil.
Por outra banda, tamén se modifican as descricións das características organolépticas dos diferentes tipos de viños, para facelas máis obxectivas e axustadas ás características reais dos viños da denominación de orixe, fuxindo de descricións que dificultan o mantemento da acreditación na norma ISO 17065 e o cumprimento das novas disposicións aprobadas para a verificación da aptitude dos viños das denominacións de orixe protexidas de ámbito galego polos seus consellos reguladores.
Polo que se refire aos viños espumosos, coa modificación contémplase a posibilidade de elaborar tamén espumosos tintos e rosados a partir das diferentes uvas tintas que están autorizadas na elaboración dos viños da denominación de orixe, cando ata o de agora só podían ser de uvas brancas da variedade Godello. A xustificación está na necesidade de abrir o abano de produtos a amparar pola denominación de orixe e aproveitar mellor as oportunidades que ofrece o mercado.
Outra das modificacións está relacionada cos viños tostados, nos que se reduce a 30 días o tempo mínimo para o pasificado baixo cuberta das uvas, fronte aos actuais 90 días, así como a súa gradación alcohólica mínima, que pasaría dos actuais 13 graos a 11.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241118/AnuncioG0528-111124-0001_gl.html