Besteiro urxe a Rueda a rectificar e “unir igualdade e loita contra a violencia machista”

O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista reclamou ao presidente da Xunta que se desmarque dunha forma de facer política que apoia aos negacionistas: “O negocianismo mata, o negacionismo asasina”.

O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, comezou a súa intervención no Parlamento de Galicia lembrando o asasinato de Estela, acontecido a semana pasada. «Non é outra cifra, é outro drama,» afirmou, visibilizando a traxedia persoal que hai detrás dos datos estatísticos. Besteiro puxo o foco nesta sesión de control na violencia machista, denunciando a falta de resposta efectiva por parte do Goberno galego ante unha emerxencia que afecta directamente ás mulleres, á mocidade e á infancia en Galicia.

O líder socialista destacou que, no que vai de ano, Galicia sufriu o asasinato de catro mulleres; 7.438 foron vítimas de violencia machista, e 78 nenos e nenas sufriron violencia vicaria. Subliñou que esta realidade vese agravada polo impacto do negacionismo, con datos alarmantes como que o 23% dos mozos e o 13% das mozas consideran que a violencia de xénero é «un invento ideolóxico». Ademais, alertou sobre o feito de que 7 de cada 10 mozas non denuncian, xa sexa por medo, vergoña ou por non identificar que están sendo vítimas. «Estamos diante dun problema estrutural que a súa falta de compromiso está agravando», acusou Besteiro ao presidente Alfonso Rueda.

O voceiro socialista sinalou como «un grave erro» a decisión de Rueda de separar a loita contra a violencia machista da promoción da igualdade, o que, ao seu xuízo, «desmantela a transversalidade necesaria para combater esta lacra». Ademais, lembrou que, malia dispoñer dunha dotación de 6 millóns de euros do Goberno central, os centros de atención 24 horas seguen sen abrir, deixando ás vítimas sen un recurso esencial en situacións críticas. «Que explicará vostede a estas mulleres e ás súas familias? Non hai escusa para tanta inacción,» recriminou Besteiro.

O socialista tamén denunciou outras deficiencias no enfoque da Xunta, como a desaparición do Sistema Galego de Igualdade, o peche dos centros Quérote destinados á mocidade, e a insuficiencia dos Centros de Información á Muller (CIM). «Estas decisións non só dificultan o acceso das vítimas a axuda inmediata, senón que evidencian a ausencia dunha política integral para atallar esta emerxencia social,» lamentou.

Besteiro chamou tamén a atención sobre a necesidade de reforzar a educación en igualdade, clave para previr a violencia desde a raíz. “A violencia machista non se erradicará sen formar á mocidade, sen traballar nos espazos educativos e de lecer”,  advertiu. Finalizou a súa intervención cunha pregunta directa a Rueda: «Cada muller asasinada, cada nena e neno vítimas, cada moza que cala polo medo… Cada unha delas está pedíndonos hoxe, con urxencia, que actuemos. Vai comprometerse cunha aposta real pola igualdade ou quedar á marxe?”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios