O BNG presentou unha proposición ao vindeiro pleno municipal para reclamar a Correos que abra unha oficina de atención ao público no novo Centro Loxístico aberto no Parque Empresarial das Gándaras. O portavoz do BNG no Concello, Rubén Arroxo, explicou que o BNG recolle «a proposta que xa foi trasladada en múltiples ocasións pola CIG-Correos á empresa pública, e que permitiría mellorar a calidade dun servizo público como o postal».
O novo centro de Correos, que conta cunha superficie de 3.250 metros cadrados, leva en funcionamento desde o pasado 21 de outubro concentrando a todas as unidades de reparto da empresa pública para a cidade de Lugo, incluíndo ás unidades de reparto da zona rural, paquetería de gran tamaño e notificacións.
Non contar cunha oficina de Atención ao Público merma a calidade do servizo prestado por Correos, ao contar os parques empresariais do Ceao e As Gándaras con centos de traballadores e empresas que poderían recibir atención nesta ubicación, aumentando potencialmente a carteira de clientes de Correos, sendo moitas as empresas de ambos parques empresariais as que traballan con esta empresa.
O BNG levará esta proposta ao vindeiro pleno, reclamando á empresa pública que habilite unha unha oficina para a atención ao público no novo Centro Loxístico do Parque Empresarial das Gándaras.