Persoal investigador da UDC propón unha metodoloxía innovadora para a mellora da eficiencia enerxética no transporte marítimo

por Redacción Galicia

O novo procedemento permite estudar en tempo real o rendemento enerxético e as emisións dos buques

Un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial e da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETSNM) da Universidade da Coruña (UDC) publicou recentemente no Journal of Marine Science and Engineering o artigo titulado “Energy Efficiency Operational Indicator Resilient, Ship Emissions under Control”. Este artigo aborda o control da eficiencia enerxética no transporte marítimo, un sector que move máis do 85% das mercancías a nivel mundial. Dado que as previsións indican que este medio continuará medrando nos vindeiros anos, a Organización Marítima Internacional (IMO) está regulando a súa eficiencia enerxética e emisións.

O traballo, realizado en coautoría por Julio Barreiro e Vicente Díaz, do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), e por Feliciano Fraguela e Sonia Zaragoza, do Grupo de Enxeñaría Enerxética (INGEN), forma parte da tese de doutoramento de Julio Barreiro, dirixida por Sonia Zaragoza (INGEN) e Vicente Díaz (GII).

Unha metodoloxía que mellora a medición da eficiencia enerxética nos buques

A medida de eficiencia enerxética máis utilizada é o indicador operacional de eficiencia enerxética (Energy Efficiency Operational Indicator, EEOI, en inglés), o cal enfronta problemas de fiabilidade debido á variabilidade nos criterios que utilizan as compañías navieiras, como a interpretación do valor da carga transportada ou as condicións operativas dos barcos.

Así, a investigación busca desenvolver un procedemento de cálculo multidisciplinar, automatizado e controlado en tempo real do EEOI. Para superar as limitacións, o equipo propón un método en dúas fases que selecciona valores representativos do EEOI na navegación do buque, (como a velocidade do barco, a carga e o modo de operación) e implementa os cálculos  nun sistema ciberfísico con sensores avanzados e software especializado, que recompilan e analizan o EEOI en tempo real.

Control continuo do rendemento enerxético mediante gráficos

A investigación tamén destaca a importancia de empregar gráficos de control de media móbil ponderada exponencialmente (Exponential Weighted Moving Average, EWMA, en inglés), unha técnica estatística que supervisa continuamente a eficiencia enerxética e as emisións dos buques. Analiza os datos, tanto actuais como históricos, para detectar pequenas variacións ou tendencias. Se un buque comeza a contaminar máis do normal, o gráfico EWMA pono de manifesto, de xeito que é posible actuar sobre o problema antes de que se agrave. O conxunto das dúas medidas permite implantar melloras continuas moito máis eficaces e garantir así o cumprimento dos obxectivos e as normativas ambientais.

Con esta metodoloxía, o traballo achega unha solución innovadora para a mellora da eficiencia enerxética e ambiental no transporte marítimo, contribuíndo á sustentabilidade e ao cumprimento das regulacións ambientais.

Foto portada: de esquerda a dereita, Feliciano Fraguela, Julio Barreiro, Sonia Zaragoza e Vicente Díaz no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario