Inicia o proceso para recoller achegas previas para a modificación desta regulación de acordo coa LOMLOE e os actuais currículos autonómicos
A Xunta de Galicia está a traballar nunha nova orde para regular a proba para a obtención do título de Bacharel para persoas maiores de 20 anos en Galicia co obxectivo de adaptala á normativa vixente.
Con esta finalidade, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP inicia hoxe o proceso coa publicación no Portal de Transparencia do anuncio para recoller achegas previas para conformar o novo texto legal.
A normativa que rexe actualmente a proba para a obtención do título de Bacharel para maiores de 20 anos está baseada nunha lei educativa e nunha configuración curricular tamén derogada. De aí que se inicie esta tramitación co fin de adaptar a nova orde á vixente LOMLOE así como aos contidos dos novos currículos educativos autonómicos establecidos no decreto 157/2022.