Patricia Iglesias: “O modelo de xestión e contratación do PPdeG destaca polo favoritismo e a opacidade, e quen debería estar aquí négase a vir”

por Redacción Galicia

Iglesias destacou que o modelo de colaboración público-privada escollido para a construción e xestión do hospital de Vigo foi nefasto para as finanzas públicas. Segundo informes do Consello de Contas, esta fórmula “implicou un sobrecusto de 470 millóns de euros en comparación con modelos máis eficientes”.

No marco da Comisión de Investigación sobre as contratacións públicas e o sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro, Patricia Iglesias, en representación do Grupo Parlamentario Socialista, incidiu nas graves irregularidades no modelo de xestión e contratación impulsado polo goberno galego do PPdeG durante os últimos anos. A comparecencia contou coa intervención de Jesús Vázquez Almuiña, exconselleiro de Sanidade, quen intentou evitar respondar ás preguntas sobre a xestión do Cunqueiro e outros contratos baixo sospeita, nunha sesión que Iglesias cualificou como un reflexo da opacidade do Partido Popular.

Durante a súa intervención, Iglesias criticou novamente a negativa de Alberto Núñez Feijóo, expresidente da Xunta e máximo responsable político durante 13 anos, a comparecer na comisión. “Os galegos teñen dereito a coñecer a verdade, e Feijóo segue negándose a dar a cara mentres desfilan os seus conselleiros,” declarou. Para os socialistas, esta estratexia reflicte un intento claro de ocultar as prácticas de favoritismo e opacidade que caracterizaron a súa xestión.

Irregularidades no Cunqueiro

Iglesias destacou que o modelo de colaboración público-privada escollido para a construción e xestión do hospital de Vigo foi nefasto para as finanzas públicas. Segundo informes do Consello de Contas, esta fórmula “implicou un sobrecusto de 470 millóns de euros en comparación con modelos máis eficientes”. A portavoz tamén subliñou irregularidades graves no proceso, tales como un procedemento de contratación que incumpría a normativa, ao abarcar instalacións hospitalarias alleas ao Álvaro Cunqueiro, como o Meixoeiro e o Nicolás Peña, ou modificacións inxustificadas de superficies e prazos concesionais.

Estas decisións, segundo Iglesias, amosan un patrón no que os intereses privados foron priorizados sobre o interese público, provocando un enorme prexuízo económico e unha perda de confianza na xestión pública.

Outro tema central foi o das contratacións de emerxencia durante a pandemia. Iglesias fixo referencia directa á empresa Universal Support, S.A., cuxo director comercial en Galicia era o cuñado de Núñez Feijóo. Esta empresa, sen experiencia previa no sector sanitario, foi beneficiada con contratos por valor de máis de 15 millóns de euros para tarefas de rastrexo, nun contexto no que a falta de rastrexadores obrigou á intervención do Exército.

Informes como os do Consello de Contas revelaron a concentración de contratos en poucas empresas, a falta de motivación na xustificación da emerxencia e a ausencia de transparencia. En 2020, case a metade dos máis de 80 millóns de euros contratados baixo esta modalidade foron adxudicados a 11 empresas, mentres que en 2021, só 4 empresas acapararon dous de cada tres euros contratados. Iglesias subliñou que estes contratos continuaron máis aló da emerxencia, o que evidencia, segundo a portavoz socialista, un claro trato de favor.

Iglesias denunciou un patrón reiterado na xestión do PPdeG durante 16 anos, caracterizado pola adxudicación de contratos a dedo, fraccionamento ilegal para evitar concursos públicos e un trato de favor a empresas con vínculos familiares e persoais con altos cargos do goberno galego. Exemplos destacados foron os numerosos contratos ao grupo Eulen e os contratos á citada Universal Support.

Ademais, a portavoz socialista resaltou a falta de transparencia no funcionamento da comisión. “A negativa a fornecer a documentación solicitada, xunto coa ausencia de Feijóo e o desfile dos seus conselleiros, evidencia unha estratexia clara de ocultación da verdade,” afirmou.

Para finalizar, Iglesias reiterou a necesidade de que o goberno galego poña o interese público por diante de calquera outra consideración, deixando atrás a xestión clientelar e as redes de favoritismo,” concluíu.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario