Silvia Longueira: “A dirección da CRTVG está a provocar unha escalada represiva para amedrentar á plantilla en folga”

por Redacción Galicia

A parlamentaria socialista Silvia Longueira denunciou hoxe no Parlamento a “escalada represiva” da dirección da CRTVG empregando “cabezas de turco” para “amedrentar” á plantilla en folga. Longueira presentou unha pregunta oral na Comisión da CRTVG que se celebrou hoxe no Parlamento na que acusou ao director xeral do ente de permitir o control dos contidos seguindo na “senda da manipulación informativa” en favor dos intereses da Xunta e do PP.

A dirección do ente, dixo, escolleu a dúas traballadoras, unha delas en precario, ás que abriu un expediente disciplinario por supostas falas moi graves que segundo o comité de empresa están “baseadas nunha farsa tecnicamente insostible que decaerá na vía de instrución”. 

Longueira sinala que con esta decisión a dirección “está a rebasartódolos topes legais” ao castigar a estas traballadoras logo de que o 15 de novembro non puideran emitir o programa O Termómetro, sen que fixeran nada diferente do que sucedeu nos 17 programas anteriores a aquel dende o 7 de outubro, primeiro día da folga.

Lembrou que a protesta dos traballadores e traballadoras do ente responde ao “desmantelamento implacable da produción propia interna que o actual equipo directivo está a promover dende hai anos”, sinaladamente coa decisión de externalizar o programa A Revista, un programa “histórico” vencellado aos informativos, e que foi substituído polo programa O Termómetro.

Co cambio de programa, explica, “o que fan é que o plató e a realización seguen a ser da CRTVG, pero externalizan á produción, a redacción e a presentadora” a favor de dúas produtoras externas relacionadas cunha ex asesora de Rajoy.Sinalou que “tódolos camiños no PP parecen conducir a empregar os cartos de tódolos galegos e galegas ara beneficiar os intereses do PP e dos seus amigos”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario