Trátase de iniciativas promovidas por distintas ONGD e outros axentes de cooperación e desenvolvidas no período 2024-2025.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións de diversas convocatorias de axudas enmarcadas na acción humanitaria, a cooperación exterior e a educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, a través das que a Xunta garante o apoio a 60 proxectos cun investimento superior aos 7,2 millóns de euros. Trátase de iniciativas promovidas por distintas ONGD e outros axentes de cooperación e desenvolvidas no período 2024-2025.
A maior contía destínase á convocatoria de axudas para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, con 6 millóns de euros para o financiamento de 32 proxectos. Enmarcada no Plan Anual 2024 da Cooperación Galega, a través desta convocatoria apóianse iniciativas no Perú, Bolivia, Ecuador, Guatemala, Honduras, Nicaragua. República Dominicana, Guinea Bissau, Mozambique e Serra Leona.
O obxectivo é impulsar accións para propiciar o desenvolvemento integral dos países de intervención, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano solidario. Preténdese así dar cobertura ás necesidades sociais básicas, como a educación e a saúde, o abastecemento de auga e saneamento, a xestión de recursos hídricos, a habitabilidade e tamén a promoción do tecido económico en materia de agricultura, desenvolvemento rural, pesca e acuicultura.
Pola súa banda, a convocatoria para microproxectos de cooperación, dotada con 90.000 euros, permite apoiar tres accións en Guatemala, República Dominicana e os Campamentos Saharauís. Trátase de intervencións puntuais, de limitada intensidade e de duración non superior aos 12 meses que teñan por obxecto fortalecer e/ou complementar outras actuacións levadas a cabo por axentes de cooperación no mesmo territorio.
Acción humanitaria no exterior
Outra da resolucións publicadas correspóndense coas axudas para proxectos de acción humanitaria no exterior, nas que a Xunta investiu este ano 550.000 euros. A través delas apóianse oito proxectos en Cisxordania, República Dominicana, Honduras, Mozambique, Uganda, Gaza e Ucraína.
Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises – provocadas por seres humanos ou por desastres naturais -, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.
No marco da convocatoria para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global dáselles apoio a 17 proxectos, cun importe global de 600.000 euros. Trátase de actividades que forman parte da educación para o desenvolvemento desde catro perspectivas: a sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza; a formación sobre o desenvolvemento e a súa difusión nos ámbitos educativos; a investigación neste ámbito; así como a incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na sociedade
Formación en cooperación internacional
A maiores, o DOG tamén fai pública a relación de bolsas concedidas ao abeiro da Orde pola que se convocaron seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento que se desenvolverán durante os anos 2024 e 2025, e que están dotadas con 103.200 €, mais a correspondente seguridade Social.
A través desta iniciativa compleméntase a formación académica con estadías nas unidades de cooperación no exterior da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento ou na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea. Das seis persoas seleccionadas, dúas teñen como destino a sede da Dirección Xeral en Santiago de Compostela e as catro restantes as Oficinas da Cooperación Española da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento na República Dominicana, Guatemala, Bolivia e Mozambique.