Néstor Rego defende a necesidade de elevalo até os 1.320,04 euros/mes en catorce pagas, representando 60% do Salario Medio para 2025 segundo os datos do CEDS.
Ante os datos que está a manexar o Ministerio de Traballo, o BNG demanda cumprir coa Carta Social Europea e situar o Salario Mínimo Interprofesional en 60% do Salario Medio. De cumprirse, tendo como referencia os módulos salariais que publica a Axencia Tributaria, o SMI subiría en 2025 até os 1.320,04 euros/mes en catorce pagas. Así mesmo, o deputado nacionalista, Néstor Rego, pregunta sobre a postura que manterá o Ministerio diante dunha eventual resolución do Comité Europeo de Dereitos Sociais que certifique o incumprimento por parte do Estado español, ante a reclamación colectiva presentada pola CIG.
O deputado do BNG no Congreso considera que este é o momento de dar pleno cumprimento ás obrigas adquiridas e “que o Estado español, dunha vez por todas, cumpra coa Carta Social Europea -que o propio Estado asinou- que estabelece que o SMI debe alcanzar, no mínimo, 60% do salario medio” subliña.
Polo tanto, segundo reclama Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, en 2025 o SMI “debería subir até os 1.320,04 euros/mes en catorce pagas”. E, de non adoptar esta decisión, o Goberno seguirá a incumprir a Carta Social Europea “pois segue sen empregar para o método de cálculo os datos do Eurostat nin toma como referencia os módulos salariais que publica a Axencia Tributaria”. A cantidade defendida polo BNG, a estipulada na CSE, cabe destacar que será a referencia para as categorías máis baixas dos convenios e o obxectivo salarial mínimo na negociación colectiva.
“Cabe destacar tamén que, atendendo precisamente aos salarios medios, a subida de salarios negociada por convenio acumula, xa a setembro de 2024, un incremento medio pactado na negociación colectiva na Galiza de 3,37. Isto evidencia que incluso a evolución salarial é superior ás previsións do Ministerio en relación ao SMI” sinala Rego.
“Rectificará o Ministerio e cumprirá a Carta Social Europea?” pregunta
Así mesmo, o deputado require a Traballo coñecer a postura que tomará o Ministerio, e o conxunto do Goberno do Estado, a respecto dunha eventual resolución do Comité Europeo de Dereitos Sociais que ditamine ou certifique o incumprimento por parte do Estado español da Carta Social Europea, despois de que a Confederación Intersindical Galega (CIG) ten presentado unha reclamación colectiva ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais. “Rectificará o Ministerio para cumprir efectivamente coa Carta?” inquire.