Esquerda Unida participa na mobilización do persoal CRTVG convocada para hoxe en Compostela

por 21 Noticias

Esquerda Unida súmase á manifestación en Santiago de Compostela convocada polas traballadadoras e traballadores da CRTVG e chama a mobilizarse contra o progresivo desmantelamento e a manipulación informativa no ente público.

Tras máis de oito anos de incumprimento da Lei dos Medios Públicos por parte da Xunta de Galicia e dun progresivo deterioro do servizo denunciado en múltiples ocasións polo persoal da CRTVG, o Goberno anunciou neste 2024 a intención de aprobar unha nova Lei que serviría para afianzar o control do Partido Popular sobre o ente público.

A pretendida nova Lei do Audiovisual suporía non só o control da dirección da CRTVG por parte da Xunta, que veñen practicando de facto nestes anos co incumprimento da actual Lei, se non tamén a substitución de contidos en galego por emisións en castelán, atacando así os escasos medios existentes para a normalización lingüística.

A radio-televisión pública foi sufrindo tamén ao longo dos últimos anos un proceso de deterioro, asistindo á privatización na creación de contidos e padecendo a represión ás protestas do seu persoal. A actual privatización do outrora programa «A Revista» ten significado o detonante dunha convocatoria de folga que Esquerda Unida apoia na denuncia do progresivo desmantelamento e control político sobre o ente público.

«O que debera ser un vehículo público para a transmisión de cultura, o entretemento e a información veraz, estase convertendo nun mero altofalante dos intereses do Partido Popular», apunta Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida.

«As galegas e galegos debemos amosar non só o noso apoio á loita do persoal da CRTVG, se non mobilizarnos tamén defendendo uns medios de comunicación públicos, veraces e independentes, xa que estes nos pertencen a todas e todos» manifesta Solla.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario