98-89: O Ineltrón Santo Domingo Betanzos non dá opcións ao Ávila Auténtica

por Jorge García

O Santo das mellores tardes pechou o partido xa ao descanso.

O resultado final non fala da enorme tarde de baloncesto que os de Antonio Díaz “Doc” brindaron aos seus seareiros. Porque nun partido no que os betanceiros dominaron dende o salto inicial, só a relaxación tras o descanso, co partido practicamente pechado (63-38), impediu ver no luminoso dixitos de récord. Parecía que os de Betanzos querían resarcirse dos dous últimos partidos, nos que a vitoria caeu do lado rival nos últimos instantes, e cunha efectividade que provocou o delirio na bancada (máis dun 58% en triplas nos dous primeiros cuartos) os de Doc quixeron liquidar contas o antes posible.


A partir de aí, un Ávila Auténtica empeñado en maquillar o marcador (con Stefanuto e Linde cargando o peso do equipo, con cadanseus 28 puntos) e un Santo que soubo dosificar a vantaxe e que mesmo se permitiu xogar a medio gas os últimos minutos.


Enorme partido coral dos betanceiros (20/35 en tiros de 2, 17/34 en tiros de 3 e 32 rebotes) e destacadas actuacións de Dani Martín (22 valoración, 27 puntos e 5 rebotes) e Pepe Moreno (21 de valoración, 16 puntos e 8 rebotes), sen esquecer a Brezo (18 puntos) e a un Abelleira que sigue a ser un seguro de vida (15 puntos, 3 rebotes e 3 asistencias).


Veñen partidos complicados (Círculo Gijón e Chantada, 1o e 3o empatado co 1o) pero, o que foi este chuvioso domingo primeiro de decembro, ninguén lle quita ao Santo unha merecidísima e traballada vitoria perante un equipo chamado a ocupar a parte media-alta da táboa deste grupo AB da Terceira Feb, antes liga Eba.


Esta era a valoración do adestrador betanceiro ao remate do partido: “Na primeira parte saíron as cousas que proxectaramos en defensa e o ataque estivo moi fluído, con moito acerto pero tamén con moi boa selección de tiro. Despois, na segunda parte, estivemos algo máis parados en ataque e eles aproveitaron para anotar con moito mellor ritmo. Soubemos administrar a vantaxe, se cadra puidemos irnos cun marcador máis amplo, pero é normal que un equipo con tanto talento enfronte termine recurtando a diferenza. Coido que a vitoria foi merecida e que nos deu un impulso cara a seguir progresando durante a temporada”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario