As logopedas galegas denuncian que o servizo non chega en igualdade de condicións e con calidade a todas as Áreas Sanitarias

por Redacción Galicia

Pacientes da Área Sanitaria da Coruña-Cee chegan a percorrer uns 200 quilómetros ao día por unha consulta de logopedia de 30 minutos.

En Galicia, a sanidade pública precisa de 100 logopedas para unha atención eficaz. Ese é o principal obxectivo dun plan a seis anos elaborado polo Colexio Profesional de Logopedas de Galicia do que a Xunta ten coñecemento desde o pasado mes de setembro. “Se o Sergas contrata 63 logopedas de aquí a 2030, pasaremos da  ratio actual de 1 logopeda por cada 72.000 galegos a 1 logopeda por cada 27.000, unha proporción que melloraría a atención que demanda e esixe a cidadanía”, indicou Javier Bueno, vicepresidente do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia, que engadiu que “os beneficios superarían con moito o investimento previsto nese plan a seis anos.”

Os custos do plan 2025-2030 elaborado pola organización colexial elévanse a uns 8,5 millóns de euros. O aforro estimado case multiplica por 1,5 esa cantidade. “No cálculo destes beneficios económicos directos, tivemos en conta, pola evidencia científica e a maior acessibilidade dos datos, os que se derivan fundamentalmente do aforro de custos por hospitalización en pacientes con patoloxías nas que o tratamento logopédico reduce os días ou evita o ingreso”, explicou Bueno.

Na actualidade, só hai 37 logopedas no sistema sanitario público. Non hai ningún na Atención Primaria e só 1 nun hospital comarcal (a praza no Hospital do Salnés creouse hai 2 meses), “o que fai derivar as patoloxías leves ás profesionais de atención especializada”, lamentou Javier Bueno, que traballa no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. 

Os 37 logopedas están distribuídos do seguinte xeito por Áreas Sanitarias: 11 en Pontevedra-O Salnés, 7 en Vigo, 6 en A Coruña-Cee, 4 en Ferrol, Santiago-Barbanza e Lugo e 1 en Ourense. “Na actualidade, non é posible que os galegos e galegas, desde os neonatos ata os máis maiores, accedan a un servizo de logopedia que chegue a toda a poboación en igualdade de condicións e coa calidade necesaria para unha intervención eficaz”, denunciou Javier Bueno nun almorzo informativo celebrado en Santiago.

O Colexio de Logopedas púxolle cifras á desatención do servizo de logopedas na sanidade pública. María Belén Ferro, única logopeda do Sergas na provincia de Ourense (máis de 300.000 habitantes), destacou que “só hai unha logopeda por cada 1.945 galegos maiores de 75 anos con problemas para tragar ou por cada 162 galegos que acaban de sufrir un ictus. Tamén os máis novos sofren esta situación precaria. Por exemplo, só hai unha logopeda por cada 19 bebés prematuros ou por cada 285 galegos menores de seis anos con problemas no desenvolvemento da linguaxe. Ademais, o abuso da contratación de logopedas por acumulacion de tarefas, con contratos que rematan aos nove meses, aféctalles aos pacientes, que en moitas ocasións sofren o cambio de profesional durante o tratamento.”

Vanesa Martínez é unha nai de Melide que descubriu que o seu cativo sufrira un ictus con só seis meses de vida. “No informe médico do meu fillo, dicía claramente que precisaba terapia ocupacional, fisioterapia e logopedia. Ao cabo dun mes, empezamos a recibir terapia ocupacional e fisioterapia, pero tardaron máis dun ano en chamarnos para dicirnos que podería empezar axiña coa logopedia. Nunca empezamos, obviamente, porque hai cousas que non poden esperar. É terrible que, estando as tres necesidades escritas no mesmo papel, o mesmo día e ante un durísimo diagnóstico, se deixe aparte a logopedia porque pareza algo menor”, apuntou Vanesa.

O Colexio denunciou tamén que non existe un documento consensuado sobre as patoloxías e as alteracións que deben ser atendidas polas logopedas galegas. “É fundamental, por exemplo, que se garanta a atención logopédica na UCI e en planta para todos aqueles pacientes que a precisen. Pero a realidade é que hai hospitais galegos nos que as logopedas non ven os pacientes ingresados, ou atenden só unha parte deles, porque resulta imposible chegar a todos”, explicou Javier Bueno. Cada Área Sanitaria prioriza uns problemas e deixa de atender outros. “Faise sen criterionin coordinación cos profesionais doutros niveis asistenciais. O descoñecemento dos datos sobre as listas de agarda impide ademais que exista unha mínima planificación da actividade realizada polas nosas profesionais”, engadiu María Belén Ferro.

“Nos últimos cinco anos, a demanda de pacientes atendidos creceu un 39 % na Área Sanitaria da Coruña e pasamos de 5 a 6 logopedas. Pasamos de 10 horas de atención media por paciente a 7 horas”, destacou o vicepresidente das logopedas galegas.

Os pacientes que viven máis apartados dos hospitais de referencia pasan máis tempo na estrada que na consulta. É o caso de Olga Lopez, unha veciña de Malpica que recibe tratamento logopédico no CHUAC despois de sufrir unha afasia. Luis Pose, o seu marido, acompáñaa todos os días: “Facemos una hora de camiño para A Coruña e outra para casa. Dúas horas de coche para media hora de tratamento, que non é suficiente. Aínda se fose máis tempo ou algo máis preto… Aínda menos mal que vimos pola nosa conta. Coa ambulancia, tardaríamos toda a maña. Na casa, completamos o tratamento do hospital con outra media hora máis.”

Jaime Villar, veciño de Cee, acode a sesións de logopeda despois de que lle quedasen afectadas as cordas vocais tras unha operación. «Desprázome 115 quilómetros para unha sesión de media hora. Entendo, e coma min moita xente máis, que debería haber unha logopeda nos hospitais comarcais ou nos centros de saúde para evitar desprazamentos tan longos. É hora e cuarto de ida e outro tanto de volta. Dependendo da hora que toque a consulta, perdes a mañá e mesmo tamén a tarde.»

Tras dúas xuntanzas con membros da Consellería de Sanidade, a primeira delas con participación do titular do departamento, o Colexio Profesional de Logopedas de Galicia ten previsto reunirse cos grupos parlamentarios “para que coñezan a realidade e a nosa proposta para o futuro”, sinalou Javier Bueno.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario