Onte tivo lugar a primeira das rutas que organiza a guía Ana Pena pola Mariña no mes de decembro.
Foi no Valadouro. Pola mañá asistiron a unha clase teórica sobre as abellas e as diferentes ferramentas empregadas no museo do mel, dirixido por Marifé. O seu mel O Trobo, recibeu varios premios e distincións
nacionais e internacionais. Despois realizouse a ruta circular dos pozos que conecta dous dos afluíntes do río Ouro, para finalmente chegar ao Pozo da Onza, maxestuosa fervenza de 15m de altura. Os participantes chegaron de diversos lugares como León, Tapia de Casariego, Oleiros, Coruña, Vilalba, Mondoñedo, Burela e Foz.
As rutas continúan esta ponte festiva. O próximo sábado 7 de decembro terá lugar unha ruta en Rinlo, no concello de Ribadeo. Un paseo litoral moi interesante que conecta as tres cetarias que serviron para almacenar o marisco deste pobo mariñeiro. O domingo día 8 será un paseo polo casco histórico do concello de Viveiro. Pero ademais visitarase Viveiro ante o berce, o belén a tamaño natural máis grande da nosa comunidade que conta con numerosos oficios e nunha ubicación privilexiada.
Para máis información e reservas poden facelo a través do teléfono 654 99 68 57.