Uz das Pontes, logrou o segundo posto nun campionato que tivo lugar no Circuíto de Cartagena
O EPEF Racing Team, integrado por alumnado de grao, de máster e de programas de doutoramento da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC), acadou o terceiro posto na carreira de vehículos eléctricos Greenpower Iberia UPCT South-East que tivo lugar este pasado domingo no Circuíto de Cartagena, da man a Escuela Técnica Superior de Ingeniería Industrial da Universidad Politécnica de Cartagena (UPCT).
Completan o podio, na categoría F24+ (de 16 a 25 anos), o IES Fuente Fresnedo de Laredo (Cantabria), quen logrou o primeiro premio, e o Kastro Sport Team do IES Plurilingüe Castro da Uz das Pontes (A Coruña), logrando a segunda posición nun evento internacional que premia a condución eficiente e sustentable.
Nesta gran final rexional participaron un total de 10 equipos, integrados por alumnado de ESO, BACH, Formación Profesional (FP) e de Universidade, procedentes de Andalucía, Galicia, Cantabria, Madrid, Murcia e de Valencia, nas Categorías F24 (de 11 a 16 anos) e F24+ (de 16 a 25 anos).
Outros galardóns obtidos en 2024
Este é a terceira vez que o alumnado do Campus Industrial de Ferrol resulta galardoado nunha competición deste tipo. De feito, o pasado 19 de outubro acadaron o premio á Best Engineered KitCar na Estrada Urban Race, a primeira carreira urbana de vehículos eléctricos de Galicia que organizaron, nas inmediacións do Pavillón Poliderportivo Manuel Soto Ferreiro, a Xunta de Galicia e o Concello da Estrada en colaboración con Greenpower Iberia.
A maiores, no mes de xuño, obtiveron este mesmo galardón na I Carreira Greenpower de Galicia que tivo lugar no circuíto de karting pontés da man da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), baixo o paraugas do Campus Industrial da Universidade da Coruña, e en colaboración coa Escudaría As Pontes Motorsport.