A semana pasada o guía turístico lucense Guido Álvarez Parga, máis coñecido como Guido Guía, iniciou nas súas redes un exitoso espazo de conversas co seu pai, Manuel Álvarez Prieto, xornalista arxentino que leva 45 anos en Lugo.
No primeiro dos capítulos, o 25 de novembro, ambos anunciaban este novo proxecto que emprenden a menos dun mes de que Manuel cumpra 90 anos e ao mesmo tempo 45 nesta beira do Atlántico (migrou xustamente o día do seu cumpreanos do ano 1979, o 22 de decembro).
Nesta iniciativa pretenden conversar sobre temas relacionados con Lugo, Galicia, Arxentina, e todo tipo de temas. No segundo dos capítulos -publicado onte, 2 de decembro- comezaron a interaccionar con comentarios e preguntas feitas polos seguidores a semana anterior. Saíron temas relativos ao cine (xa que Manuel traballou máis dunha década como crítico de cine en Lugo), á historia da cidade e á súa experiencia nela dende que chegou no ano 1980.
Manuel Álvarez Prieto (Bos Aires, 1934) é un xornalista arxentino que traballou en varias editoriais e medios de comunicación de Uruguai nas décadas dos 50, 60 e 70, e chegou a España no ano 1979 como un manifesto disidente das ditaduras arxentina e uruguaia. Despois dun ano traballando na editorial Planeta entre Madrid e Barcelona, relacionado profesionalmente con Teresa Pàmies, José Agustín Goytisolo ou Monserrat Roig viaxou a Lugo (a provincia onde naceran os seus pais, de Baleira e Ribadeo) e asentouse ata o día de hoxe traballando durante máis dunha década no diario El Progreso, e colaborando con medios como La Voz de Galicia, Cuadernos del Norte, A Nosa Terra ou Filmspiegel de Berlín, principalmente como crítico de cine e arte
www.facebook.com/guidoguiaturismo