A Xunta investirá arredor de 43 M€ en formar preto de 2.000 persoas desocupadas

por Redacción Galicia

O obxectivo é ofrecer unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade, mellorando as oportunidades laborais dos participantes a través da realización de melloras en infraestruturas locais ou de servizos de interese xeral.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as resolucións das convocatorias da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que cun importe global duns 43 millóns de euros para o período 2024-2025 permitirán a celebración de máis dun cento de obradoiros e programas de emprego dos que se poderán beneficiar preto de 2.000 persoas sen traballo, coa conseguinte mellora das súas oportunidades laborais. En concreto, distribuiranse máis de 36 millóns en beneficio de 1.706 persoas a través da realización de 87 obradoiros duais, mentres uns 240 menores de 30 anos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil poderán acceder a 15 programas de emprego cun investimento próximo aos 6,6 millóns.

Estas accións perseguen mellorar a empregabilidade dos participantes, ofrecéndolles unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade. Ao tempo, suporán a mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade. A Xunta encárgase, en ambas convocatorias, de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.

Obradoiros duais

Os obradoiros duais poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes, así como por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal. Nesta convocatoria, ofrécense 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna.

En concreto, concedéronse 27 obradoiros que combinan formación e traballo remunerado na provincia de Ourense, 23 na da Coruña, 20 na de Pontevedra e 17 na de Lugo, todos cunha vintena de participantes cada un. Entre os sectores aos que fan referencia as accións, rexístranse en todas as provincias os relativos á atención sociosanitaria, aos distintos aspectos da construción, ao sector forestal ou de viveiros e xardíns e á limpeza.

A maiores, en Ourense tócase a industria agroalimentaria e a hostalaría, campo este último tamén presente en Pontevedra, onde se contemplan ademais obradoiros sobre extinción de incendios ou deseño multimedia. Así mesmo, abórdase na provincia pontevedresa a xestión de residuos, área presente tamén en Lugo, xunto co turismo, o tratamento de datos ou o control de pragas. Por último, na Coruña tamén contan con axuda para proporcionar formación e traballo remunerado no eido da comunicación web.

Cómpre sinalar que o alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, pode obter un certificado de profesionalidade. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses tras a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta. 

Programas mixtos de formación e emprego dirixidos a persoas mozas 

Neste caso, trátase de programas públicos de emprego-formación cofinanciados pola Unión Europea que buscan mellorar a ocupabilidade dos menores de 30 anos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral e social. A duración dos programas será de 12 meses. Poden promovelos concellos, mancomunidades de municipios e entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades.

Na resolución deste ano resultaron beneficiarios seis programas de emprego xuvenil na provincia da Coruña, concretamente nos concellos de Boiro (asociado con Rianxo e A Pobra do Caramiñal), Santiago de Compostela, Santa Comba (asociado coa Baña, Negreira e Val do Dubra), Betanzos (asociado con Abegondo, Carral, Coirós e Paderne), Rois (asociado con Dodro e Padrón) e Fene (asociado con Ares, Mugardos e Cabanas).

Na provincia de Lugo resultou beneficiario o proxecto de emprego do concello de Ribadeo, en agrupación con Barreiros. No caso de Ourense, realizaranse dous programas, un concedido ao concello do Carballiño (asociado con Boborás e Maside) e outro á Mancomunidade voluntaria de concellos da comarca de Ourense. Finalmente, no caso de Pontevedra foron beneficiados seis programas de emprego na mancomunidade da área intermunicipal de Vigo e na dos concellos do Val Miñor, así como nos municipios de Moraña (asociado con Portas e Valga), Ponteareas, Lalín e O Porriño.

A través dos programas seleccionados, a mocidade participante poderá adquirir coñecementos en diferentes áreas, como atención sociosanitaria, mantemento de xardíns, viveiros e zonas verdes, traballos forestais, albanelaría, carpintaría, cantaría, deseño gráfico, dinamización de empresas ou promoción turística, entre outros.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario