A aplicación da Lei 20/21 de estabilización do persoal público temporal está a xerar unha situación sen precedentes na Administración pública galega: Centos de traballadores e traballadoras temporais da Xunta de Galicia atópanse, neste final de ano, ao bordo do despedimento tras a publicación dos baremos definitivos dos procesos de estabilización.
Prazas insuficientes e erros nos baremos:
Máis de 8.000 persoas están afectadas por estes procesos na Xunta que ten subestimado o número de prazas a ofertar, o que provoca que numerosos traballadores e traballadoras temporais, con anos de servizo, queden fóra das listas definitivas. Segundo o sindicato CNT, só no proceso do A1 faltan máis de 100 prazas aparte das certificadas na oferta. Como exemplo sangrante desta situación a CNT sinala o despido de todo o persoal administrativo do Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar.
Ademáis, numerosos erros na valoración dos méritos das persoas candidatas están a dar lugar a unha avalancha de recursos administrativos e provocarán innumerables demandas xudiciais. Un caso paradigmático é o de ducias de traballadoras ás que se lles nega a puntuación por servizos prestados en concellos, alegando que os concellos non son unha administración pública. Esta decisión arbitraria podería custarlle a praza a estas traballadoras, despois de anos de servizo.
Aínda máis grave, é a decisión arbitraria da Xunta de revisar un cupo que é apenas o dobre de baremacións que prazas ofertadas. Centos de traballadores e traballadores non poden optar á estabilización ao non ser baremados por exceder o cupo entanto teñen puntuación moito máis altas que as das persoas con autobaremacións erróneas ou falsas.
Consecuencias económicas e legais:
Os despedimentos masivos terán un impacto económico significativo. As indemnizacións por despedimento, que poderían chegar aos dous anos de salario, supoñen un custe millonario para as arcas públicas galegas. A esta cantidade sumaranse as indemnizacións polo abuso de temporalidade, ás que teñen dereito todos os traballadores temporais, independentemente de se superaron ou non o proceso de estabilización
Chamamento á Xunta para corrixir os erros:
A CNT denuncia a «evidente chapuza» da Xunta na xestión destes procesos e lembra que existen sentenzas deste mesmo ano do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que declaran ilegais este tipo de procesos. O sindicato insta aos responsables da Direción Xeral da Función Pública a corrixir os erros, a baremar a todas as persoas concorrentes e a ampliar o número de prazas para evitar despedimentos nos procesos de estabilización .
Un futuro incerto para os traballadores temporais:
Os traballadores e traballadoras afectados viven con incerteza e preocupación ante esta situación. A CNT esixe unha solución urxente para garantir a estabilidade laboral do persoal e evitar unha maior precarización do emprego público.