O PP apoia a recollida de sinaturas dos veciños da zona de Muras, Viveiro e Ourol para reclamar á Deputación o arranxo das estradas provinciais

por Redacción Lugo

Os deputados provinciais, Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro, Clemente Iglesias e José María Fernández, comprobaron o estado das estradas provinciais nestes concellos xunto aos voceiros municipais de cada un deles, Mariña Gueimunde, Eugenia Requeijo e José Hermida, e veciños afectados.

Segundo pasan os días tralo anuncio de José Tomé dun “ambicioso” plan de mellora da rede viaria provincial aparecen máis evidencias que deixan claro que “o plan anunciado polo presidente ten moitas carencias e pode ser calquera cousa menos ambicioso”.

Os deputados populares, Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro, Clemente Iglesias e José María Fernández, comprobaron “o nefasto” estado de conservación da rede viaria provincial en Viveiro, Muras e Ourol xunto a veciños aos voceiros populares nestes municipios, Mariña Gueimunde, Eugenia Requeijo e José Hermida, respectivamente.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que pese a que “PSOE e BNG falan dun plan ambicioso, nestes concellos vemos a proba máis evidente da falta de ambición e da ausencia de solución aos problemas que teñen os veciños da provincia”.

Unha situación ante a que os veciños desta comarca comezaron unha recollida de sinaturas para reclamar á Deputación o arranxo urxente das estradas provinciais que percorren os seus concellos xa que hai “unha necesidade moi importante de mellora de toda a rede de estradas”. 

Un dos exemplos do mal estado da rede viaria nestes concellos e da falta de atención por parte do goberno provincial de PSOE e BNG é a estrada provincial LU-P-6502, que segundo o anunciado por Tomé se vai a arranxar, pero “unicamente se vai a actuar no 8% da estrada a pesar de que está desfeita na súa totalidade”.

Mostra da falta de ambición do plan de Tomé é que entre estes tres municipios unicamente se actuará en dúas estradas provinciais, destacando que no caso de Viveiro non se realizará tarefa algunha de mellora.

De feito, entre Viveiro, Muras e Ourol suman case 197 quilómetros de estradas provinciais (196.972 en total) e a realidade é que “o ambicioso plan de Tomé”, ironizou Ameijide contempla actuar en 9.55 quilómetros entre os tres municipios.

Unha evidencia máis do “mal plan” anunciado por Tomé é que, como xa explicaron dende o Grupo Provincial Popular, unicamente prevé actuar no 6% da rede provincial (en 280 dos 4.217 quilómetros da rede) e que “non investirá 27M€ como anunciou o presidente provincia, senón que quedará en 13M€, os mesmos que hai consignados nos orzamentos para o vindeiro ano e que, como xa denunciamos dende o Partido Popular, son insuficientes para realizar o mantemento da rede viaria”.

Neste senso, Antonio Ameijide recorda que “como fixemos ata agora durante todos estes anos seguiremos apoiando as reclamacións dos veciños en canto á necesidade de renovar a rede de estradas provincial que están nunha situación lamentable, intransitable e perigosa e non pararemos ata que volva a unha situación de normalidade para facilitar a mobilidade de todos os lucenses”, sentenciou.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario