Profesorado do Campus Industrial de Ferrol da UDC traballa para achegar a impresión 3D á educación infantil, primaria e secundaria

A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Elena Arce Fariña, lidera o proxecto Polos en Marcha, unha iniciativa para o fomento da cultura científica tecnolóxica e da innovación que financia, integramente, a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología(FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Achegar a tecnoloxía de impresión 3D e os conceptos STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) á educación infantil, primaria e secundaria formando ao profesorado, deseñando recursos didácticos adaptados e promovendo a participación activa do alumnado e das súas familias en todo o proceso. Este é o principal obxectivo do proxecto Polos en Marcha que lidera a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC), Elena ArceFariña, e financia, integramente, a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, no marco da Convocatoria de Axudas para o Fomento da Cultura Científica Tecnolóxica e da Innovación.

​Un curso de formación en Deseño, Modelado e Impresión 3D e outro centrado nos Materiais para a Impresión 3D e a Reciclaxe son as dúas primeiras accións postas en marcha no marco dun proxecto que pretende capacitar ao profesorado de educación infantil, primaria e de secundaria neste eido. Ata o de agora, son preto de 70 os docentes da Comarca de Ferrolterraque teñen participado, de xeito presencial, nas instalacións da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), nestas dúas formacións. Todos eles e elas imparten clase no Colexio Cristo Rey, no Colexio Sagrado Corazón – Mercedarias e no Colexio Jesús Maestro de Ferrol, así como no CPR Santiago Apóstol de Narón. 

​Ao longo do primeiro trimestre do ano 2025 está previsto que estas dúas formacións se impartan, de novo, no Campus Industrial de Ferrol e nas cidades de Santiago e de Vigo. A maiores, tamén se contempla a posibilidade de que os e as docentes de educación infantil, primaria e de secundaria interesados e interesadas en formarse no eido da impresión 3D podan facelo a través da páxina web do proxecto Polos en Marcha baixo a supervisión de profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC) e de persoal docente e investigador da Universidade de Vigo (UVigo). 

​A organización de talleres de deseño participativo nos propios centros educativos co obxectivo de cocrear recursos didácticos adaptados para as etapas de infantil, primaria e secundaria, a creación dun repositorio web de acceso libre e a organización dun evento de divulgación no Campus Industrial de Ferrol son outros dos retos que ten por diante un proxecto que comezou a súa andaina o pasado mes de setembro e que rematará en decembro de 2025.

Comparte éste artículo
No hay comentarios