A Universidade da Coruña participa no proxecto europeo COVER para abordar retos urbanos mediante a optimización combinatoria

Un consorcio internacional de universidades e outras entidades non acedémicas traballa conxuntamente para mellorar a calidade de vida nas cidades a través da modelización matemática e a cooperación intersectorial.

O concepto da cidade de 15 minutos é unha estratexia de planificación urbana que busca garantir que os servizos máis esenciais e as necesidades cotiás, como o traballo, as compras, a educación, a atención médica e as actividades de lecer, sexan facilmente accesibles a 15 minutos a pé, en bicicleta ou en transporte público desde calquera punto da cidade. Este enfoque innovador busca reducir a dependencia do coche, fomentando estilos de vida máis saudables e sostibles, á vez que mellora o benestar xeral e a calidade de vida dos residentes urbanos.

E este é o principal obxectivo no que traballa o proxecto europeo COVER, (Combinatorial Optimisation for Versatile Applications to Emerging Urban Problems), financiado pola European Research Executive Agency (REA) con395.600 euros no marco da acción HORIZON TMA MSCA Staff Exchanges, e formado por un consorcio internacional do que forma parte a Universidade da Coruña.

Cunha duración de 36 meses, entre xaneiro de 2025 e decembro de 2027, COVER ten como obxectivo principal propoñer solucións innovadoras a problemas urbanos actuais mediante o uso de ferramentas avanzadas de optimización matemática.

O proxecto está formado por once universidades europeas e sudafricanas, a Gebze Technical University (GTU) e a Boğaziçi University (BU),  de Turquía; a University of Gdansk (UG) e a Gdansk Technical University (Gdańsk Tech), enPolonia, a Stellenbosch University (SU) e a University of Pretoria (UP (ZA)), en Sudáfrica; a Universidad de Cádiz (UCA) e a Universidade da Coruña (UDC), en España; a University of Maribor (UM) e a University of Primorska (UP (Sl)), en Eslovenia; e a University of Fribourg (UNIFR), en Suíza. 

Así mesmo, participan no proxecto outras entidades non universitarias, comoOptiyol, empresa turca especializada en algoritmos de planificación; CityBike, empresa española xestora do sistema de bicicletas públicas Mevo en Polonia;e Jit Team, compañía de software con sede tamén en Polonia.

Entre os obxectivos estratéxicos de COVER destacan o intercambio de coñecemento mediante estancias presenciais de investigación por un total de 86 meses ao longo dos tres anos, a cooperación activa entre universidades, empresas e administracións locais e o desenvolvemento de modelos matemáticos aplicados a retos urbanos concretos como a mobilidade, o transporte ou a localización de servizos públicos.

Durante a primeira reunión presencial, celebrada na Universidade de Gebze (Turquía) o pasado mes de abril, representantes das universidades participantes presentaron os primeiros problemas identificados, e agora o persoal experto está a traballar na busca de modelos matemáticos que se adapten a eses problemas, os cales serán expostos no mes de setembro en Eslovenia. A Universidade da Coruña, a través das investigadoras María José Souto Salorio, catedrática do Departamento de Ciencias da Computación eTecnoloxías da Información; María José Pereira Sáez, docente do Departamento de Economía; e María González Taboada, do Departamento de Matemáticas; participa activamente na definición dos modelos que se están a desenvolver actualmente nos diferentes grupos de traballo, e que serán presentados nesa vindeira reunión.

O proxecto COVER aspira así a combinar excelencia investigadora, impacto social e innovación aplicada para dar resposta aos desafíos urbanos contemporáneos, creando solucións sostibles con impacto a longo prazo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios