Esta mañá tivo lugar un acto na Reitoria coa participación de representantes das diferentes entidades colaboradoras deste proxecto.
A sala de prensa da Universidade da Coruña acolleu esta mañá a celebración do X Aniversario do servizo UDC Saudable. Un acto no que participaron o reitor da UDC, Ricardo Cao Abad; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; e o director do servizo homenaxeado, o profesor da UDC Sergio Eduardo Santos del Riego; así como boa parte das 37 entidades que colaboran con UDC Saudable nas súas actividades de promoción da saúde dirixidas á comunidade universitaria, e as persoas responsables do servizo nos distintos centros e facultades da Universidade.
Ricardo Cao foi o encargado de abrir o evento, dando a benvida ás persoas asistentes, entre as que se atopaban representantes das entidades colaboradoras ASFEDRO, SERGAS, AFRONTEMOS, Quérote +, Saúde Mental FEAFES Galicia, Asociación Coruñesa Epilepsia, Alcer Coruña, AFACO, Liga Reumatolóxica galega, CUAC FM, Cruz Vermella, AFFINOR, INDAGA, ASARGA e Asotrame.
Durante o acto, a vicerreitora Ana Ares felicitou ao profesor Sergio Eduardo Santos del Riego, a persoa que desde hai dez anos está ao fronte de UDC Saudable, e sen quen “este servizo tan importante para a saúde da nosa comunidade”, tería sido posible, recalcou. Para nós, como UDC Saudable, “hoxe é un día de agradecemento”, afirmou a vicerreitora, “porque cumprir 10 anos traballando do xeito que o director o leva feito todo este tempo, con moi pouco presuposto -engadiu- ten moito de fazaña”. “Parabéns, Sergio, por ter chegado ata aquí, e por facer de UDC Saudable un referente a nivel español”, engadiu.
A continuación, Ana Ares agradeceu tamén o seu labor a todas as entidades colaboradoras e ás persoas responsables de UDC Saudable nos centros da Universidade, antes de dar paso ao director de UDC Saudable, quen falou das accións que desenvolve este servizo e dos eixos do Plan de Vida Saudable e Benestar que aprobou recentemente a UDC; un compromiso coa Comunidade, con eixes e obxectivos operativos preferentemente dirixidos a fomentar a educación e a promoción da saúde da comunidade universitaria.
Así, cunha vixencia de 6 anos, o Plan baséase nos seguintes eixes: o benestar biopsicosocial, con especial atención á saúde mental; a alimentación; a promoción da formación, investigación e actuacións no referente ao benestar físico e emocional das mulleres; o establecemento de rutinas, ocupacións e recomendacións para unha xestión do tempo axeitada; a difusión de todas as actividades recollidas no Plan; a posta en marcha dun observatorio de calidade sobre vida saudable; o recoñecemento da UDC como espazo libre de fume e o impulso dunha rede de colaboración entre as universidades galegas, de xeito que sexa posible estimular unha cooperación transversal dentro do SUG.
Co acto celebrado hoxe na Reitoría, a UDC quixo agradecer a todas as entidades e persoas que colaboran con UDC Saudable a súa valiosa achega para facer posible o desenvolvemento das actividades deste servizo. Neste sentido, o reitor, Ricardo Cao, afirmou que “o traballo conxunto coas entidades de saúde, coas institucións e coa sociedade civil é unha peza fundamental para promover hábitos de vida saudables entre os nosos estudantes, o profesorado e o persoal de administración e servizos”. “UDC Saudable non é so un programa, senón unha verdadeira aposta pola saúde integral de todos os membros da Universidade”, apuntou. “Desde a sua posta en marcha logrouse fomentar a actividade física, mellorar a nutrición, promover o benestar emocional e, sobre todo, sensibilizar sobre a importancia de vivir dunha maneira máis saudable.
Neste contexto, o reitor da UDC tivo unha mención especial para o programa Afrontemos -a través do que se atenderon a máis de 400 persoas – “que contribúe á xestión do estrés e á promoción da saúde mental; unha cuestión que cada vez adquire maior relevancia na nosa sociedade”, apuntou.
As propias entidades colaboradoras presentes no evento terían ocasión de trasladar á UDC durante o acto as súas propostas de colaboración en prol da visibilización, concienciación e promoción da saúde.
Dez anos de UDC Saudable
O servizo UDC Saudable naceu o 28 de novembro de 2014 coa integración da Universidade da Coruña na Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde (REUPS), por aquel entón denominada Rede Española de Universidades Saudables (REUS).
O servizo consta dunha Comisión Técnica, da que forman parte membros do equipo reitoral, xunto con representantes de persoal docente e investigador (PDI), persoal técnico, de xestión, de administración e servizos (PTXAS) e estudantado; e unha Comisión de Apoio, conformada polo profesorado responsable de UDC Saudable en cada facultade ou escola da UDC.
O obxectivo principal de UDC Saudable é a promoción da saúde fundamentalmente para o colectivo estudantil, pero tamén para o PDI e o PTXAS da Universidade. Así, desde o Servizo trabállase nos seguintes ámbitos, relacionados cos eixos anteriormente mencionados: o benestar biopsicosocial (programa de atención psicolóxica á comunidade universitariaAfrontemos); a alimentación xusta, saudable, sostible e solidaria; a prevención de adiccións químicas (tabaco, alcol e outras sustancias nocivas, así como comportamentais; a educación afectivo-sexual, mulleres e saúde; as rutinas, ocupacións e xestión do tempo; o Campus sen fume (proxecto piloto en Ferrol); e o Outubro Saudable (que este ano celebrou tamén a súa X edición).
Durante a súa primeira década de vida, UDC Saudable ten impulsado a saúde da comunidade universitaria a través da organizaciópn de preto de 500 actividades e da colaboración proactiva en rede con entidades institucionais internacionais, nacionais e autonómicas, así como con 37 organizacións non gubernamentais (ONGs) que conforman a rede de entidades UDC Saudable.
Entre estas entidades e organismos coas que colabora, cabe salientar a da Rede Iberoamericana de Universidades Promotoras de Saúde (RIUPS) desde 2018, con 13 países con redes de Universidades Promotoras de Saúde (UPS); así como a da Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde (REUPS), con 60 universidades na actualidade, ademais da CRUE, o Ministerio de Sanidade, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e nove comunidades autónomas.