O Concello adxudica a reurbanización dun primeiro treito da rúa Sagrada Familia por 673.000 euros

por Redacción A Coruña

Nos vindeiros meses licitarase a humanización dun segundo treito, quedando practicamente completada a Rolda Peonil.

O Concello da Coruña adxudica esta semana os traballos de reurbanización e humanización da rúa Sagrada Familia. Trátase, tal e como indicou a alcaldesa, Inés Rey, cando o proxecto entrou en fase de licitación dunha das «actuacións máis importantes deste mandato».

O proxecto supón a reurbanización do treito comprendido entre as rúas Nosa Señora da Luz e San Xaime, o que suporá unha mellora de aproximadamente 1.640 metros cadrados. A intervención transformará a calzada e as beirarrúas actuais nunha plataforma única, elevando a calzada á altura das beirarrúas para crear un tramo de prioridade peonil. Con este cambio reorganizaranse os espazos, dando protagonismo ao peón e a peoa, tal como solicitaron as persoas residentes do barrio á alcaldesa.

Tamén se renovará a rede de saneamento, iluminación pública e pluviais, dotando a rúa dunha infraestrutura renovada tanto na parte visible coma na soterrada. Ademais, dotarase ao espazo de novo mobiliario urbano, con 16 bancos rectos, 5 circulares, 2 mesas con bancos e 2 con taboleiros de xadrez, un aparcadoiro de bicis, unha fonte, 10 papeleiras, 4 contedores e 32 áreas verdes con árbores como bidueiros, pradairos xaponeses e oliveiras bonsái. Tamén se colocará un aseo autolimpable para darlle servizo ás persoas usuarias da praza.

A Mesa de Contratación decidiu conceder a realización de ditas obras, tras recibir cinco ofertas, á UTE Jardinería Arce – Manuel Rivas Boquete, que obtivo unha puntuación de 95,16 sobre 100. O proxecto conta cun orzamento de máis de 673.000 euros e ten unha duración estimada de sete meses, divididos en tres fases. 

Esta actuación responde ao modelo de cidade impulsado pola alcaldesa Inés Rey no 2019, poñendo en valor o espazo público. Ademais, no 2025 abordarase o seguinte tramo da rúa, completando deste xeito a Rolda Peonil que conecta San Diego coa Agra do Orzán, dando continuidade ao percorrido configurado con outros traballos como os das rúas Ramón Cabanillas e Alcalde Marchesi.

«O noso obxectivo é facer unha cidade cada vez máis para vivila, e a Rolda Peonil é un bo exemplo de como facelo, porque alí onde actuamos abriron máis negocios e aumentou a satisfación veciñal co seu barrio», indicou Noemí Díaz, concelleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario