A Xunta fomenta o consumo en case un milleiro de negocios lucenses coa reactivación dos Bonos Activa Comercio

O delegado territorial, Javier Arias, destaca que no arranque da convocatoria en novembro mobilizáronse 1,3 millóns de euros nos negocios da provincia adheridos á campaña, máis de medio millón na cidade de Lugo

A Xunta incentiva as vendas no comercio local da provincia de Lugo coa reactivación dos Bonos Activa Comercio, que poden descargarse de novo despois de ampliar o crédito dispoñible en 2,5 millóns de euros.

O delegado territorial, Javier Arias, acudiu hoxe á tenda Manel Sánchez, un dos preto de mil establecementos lucenses adheridos á iniciativa. Durante a visita fixo un balance da campaña, que arrancou o pasado mes de novembro con 1,3 millóns de euros mobilizados na provincia, máis de medio millón na cidade de Lugo.

A falta dos datos definitivos unha vez que se sumen as vendas realizadas durante esta prórroga, Arias afirmou que a iniciativa “supón un importante impulso para o comercio de proximidade nunha época importante para o sector, moi preto do Nadal”.

A Xunta reactivou os bonos para responder á alta demanda tanto da cidadanía como do tecido comercial, despois de que o crédito da presente edición –convocada a principios de novembro- se esgotase en apenas dous días. Nesta ocasión, ata primeira hora desta tarde xa se trocaron bonos por un importe superior aos 1,2 millóns de euros.

Información da convocatoria

Ao tratarse dunha ampliación da última campaña dos Bonos Activa Comercio, os establecementos que xa se sumaran á iniciativa seguen estando adheridos. Tamén poden inscribirse novos negocios.

En canto ás persoas que descargaron os seus bonos de desconto hai un mes e non chegasen a tempo de gastalos —ben en parte ou ben na súa totalidade—, teñen unha nova  posibilidade de empregalos.

No que respecta a aqueles que non descargaran o seu bono ao comezo da campaña, poden facelo na web www.bonosactivacomercio.gal e aproveitalo para facer compras en beneficio do comercio das súas contornas. No caso daqueles usuarios que descargaron o bono desta sexta edición e o eliminaron sen chegar a gastalo, poderán volver a descargalo.

Os bonos, cun importe de 30 euros, teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Tal e como establecen as normas da convocatoria, cada persoa pode descargar un único bono, polo que se un usuario xa fixo uso do seu bono en novembro, non pode volver descargar outro agora.

Cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros desta ampliación adicional, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Comparte éste artículo
No hay comentarios