Néstor Rego sinala a “oportunidade histórica” que representa o fin das concesións para avanzar para unha xestión pública dos recursos.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego Candamil, demanda ao Goberno do Estado garantir a xestión pública da central hidráulica de Sequeiros, sita no termo municipal de Ribas de Sil, unha vez que finalice a concesión actual de 75 anos de explotación que está en mans de Iberdrola.
Rego denuncia que a Galiza “leva décadas sufrindo un espolio dos seus recursos hidroeléctricos por parte das grandes compañías eléctricas, que obtiveron enormes beneficios sen deixar retorno económico nin social no país”. Neste sentido, lembra que moitas destas infraestruturas foron construídas durante a ditadura franquista “sen garantías ambientais e cun elevado custo social, anegando terras produtivas e desprazando poboación”.
A central de Sequeiros, en funcionamento desde 1952, atópase ao límite do prazo concesional máximo estabelecido pola lexislación. Para o BNG, este escenario abre unha oportunidade “histórica” para mudar o modelo enerxético e avanzar para unha xestión pública dos recursos.
“O Goberno do Estado debe confirmar de inmediato a data exacta de finalización da concesión e comprometerse a que, unha vez finalizada, a explotación da central se realice baixo control público, sen dar paso a unha nova privatización” reclama Rego. Así mesmo, o deputado nacionalista exixe garantías de que non se renovará nin outorgará unha nova concesión a empresas privadas.
O BNG tamén reclama a transferencia da titularidade e xestión desta infraestrutura á Xunta da Galiza, así como do conxunto de centrais hidroeléctricas cuxas concesións caducarán nos vindeiros anos. “É fundamental que Galiza poida xestionar directamente os seus recursos naturais e desenvolver unha planificación enerxética propia, adaptada ás súas necesidades” subliña.
Nesta liña, Néstor Rego insiste en que “non é aceptábel que mentres a Galiza produce enerxía en abundancia, a riqueza xerada marche fóra e a cidadanía galega non vexa melloras nin no acceso á enerxía nin no desenvolvemento económico do territorio”.
O nacionalista sinala que a recuperación pública das concesións hidroeléctricas debe servir para garantir que os beneficios redunden no conxunto da sociedade galega, promovendo un modelo enerxético sustentábel, xusto e ao servizo do país.