Reclama que se cumpra a iniciativa nacionalista aprobada no pleno municipal que recolle ampliación de liñas e máis bonificacións
O BNG esixe á Xunta a mellora urxente do transporte público de Dodro coa ampliación de liñas e máis bonificacións, en especial para a mocidade. Demanda que cumpra os contidos da iniciativa do BNG de Dodro aprobada en sesión plenaria por maioría e que recolle, entre outras cousas, ampliar a frecuencia de autobuses entre Dodro e Padrón.
A iniciativa, rexistrada no Parlamento Galego, é unha acción máis da campaña que está a desenvolver o BNG de Dodro para a urxente mellora do transporte público, imprescindíbel, ao seu ver, para a dinamización social e económica do concello e para frear a marcha de poboación a entornos urbanos da comarca.
Neste sentido, o grupo parlamentario do BNG, a través da deputada adscrita á comarca, Iria Carreira, esixirá á Xunta que cumpra cos contidos da iniciativa nacionalista aprobada por maioría no pleno de Dodro do pasado mes de setembro. Na iniciativa, o BNG denuncia en especial a falta de comunicación con Padrón, nunha liña que non ten autobuses no horario de 8:00 horas por Dodro e ás 14: 30 desde Padrón, o que dificulta o acceso a centros de ensino, saúde ou postos de traballo.
O BNG de Dodro reclama, polo tanto, crear liñas regulares diarias que pasen por Dodro- Lestrobe- Padrón sobre as 8:00 hs e outra liña Padrón – Lestrobe – Dodro sobre as 14:30. A iniciativa nacionalista aprobada en pleno inclúe tamén medidas sociais como a bonificación para a mocidade, ligadas ao Carné Xove, para as persoas que excedan a idade máxima da Tarxeta Xente Nova e gratuidade no transporte público para estudantes, ademais da unificación de tarifas no concello para evitar as discriminacións.
As mesmas demandas, que o BNG reclama desde hai anos, son as que apoian veciños e veciñas que asinaron unha solicitude para que se cumpra o plan de melloras presentado. «A recollida de sinaturas demostra o apoio social que existe a estas medidas xa que a mellora do transporte público para a veciñanza de Dodro é unha urxencia se non queremos que o concello esmoreza«, sinala o concelleiro Xoán Bautista Mariño que lamenta que, a tal altura, nin o goberno municipal nin a Xunta atendera ás reclamacións que se producen desde hai anos. «No BNG seguiremos insistindo até que consigamos un transporte público de calidade, que permita que as veciñas e veciños podan desenvolver a súa actividade vivindo en Dodro«, explica o concelleiro nacionalista que anuncia novas iniciativas até conseguir as melloras esixidas.
Pola súa parte, a deputada do BNG, Iria Carreira, comprometeuse a defender no Parlamento as demandas da localidade para que Dodro poda ter unha comunicación fluída con outros concellos, en especial, con Padrón, con quen mantén especial relación súa poboación. «Infelizmente, o problema do transporte ten varios focos de atención na comarca que precisa máis liñas e frecuencias para responder ás necesidades da veciñanza, e en Dodro esta situación afecta de maneira especial co cal reclamarémoslle á Xunta que poña fin a esta situación de maneira urxente«, afirma a deputada nacionalista.