A UDC crea un novo espazo de traballo no Edificio de Servizos Centrais de Investigación (ESCI)

Realizouse unha pequena reforma que permitirá dispoñer dunha nova área de traballo aos centros interuniversitarios nos que participa a UDC

A planta -4 do Edificio de Servizos Centrais de Investigación da Universidade da Coruña conta desde estes días cun novo espazo remodelado, concibido para albergar aos centros interuniversitarios nos que participa a UDC. Esta reforma realizouse no atrio central da planta e en dúas salas que ata ese momento atopábanse en desuso. A formulación do proxecto foi a creación dun lugar de traballo híbrido e flexible, no que convivisen zonas de traballo individual e en grupo, áreas de descanso e ocio, e un espazo pensado como salón de actos.

O núcleo central da intervención foi o atrio do andar -4 do edificio, no que se dispuxo o salón de actos, diversas áreas de traballo individual e espazos de soft seating. Ademais, habilitáronse tres salas de usos múltiples, que serven para celebrar reunións, videoconferencias ou tamén como zonas de traballo individual.

O mobiliario seleccionado foi un dos elementos clave da intervención, posto que contribúe a crear espazo aberto e híbrido, favorecendo o benestar das persoas usuarias e onde coexisten diversos usos, todo isto atendendo a criterios de sustentabilidade e utilizando materiais que optimizan os recursos naturais.

Tras esta remodelación, a UDC conta, no Campus de Elviña, cunha nova área co obxectivo de facilitar a integración de equipos multidisciplinares e multi-institucionais, optimizando os recursos dispoñibles e favorecendo a colaboración e a interacción entre as persoas que integran os diferentes equipos de traballo.

En resumo, o novo espazo do ESCI pretende ser un lugar moderno, funcional, e de uso compartido, que pretende favorecer a interacción e colaboración entre o persoal investigador da institución.

Reunión co persoal da UDC

O reitor da UDC, Ricardo Cao, e o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas, presentaron este novo espazo á comunidade, nunha reunión celebrada o luns con persoal laboral contratado con cargo a proxectos, axudas, e convenios de investigación e transferencia de coñecemento.

Esta xuntanza súmase ás máis de 20 que o reitor da UDC está a celebrar nos centros co persoal da Universidade para escoitar as súas demandas e achegas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios