O pleno aprobou hoxe o texto inicial da ordenanza, impulsado polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de establecer as pautas e criterios de intervención en materia de mellora enerxética nas fachadas dos edificios.
Este xoves tivo lugar o pleno ordinario do Concello, no que se aprobou inicialmente a nova ordenanza de Sistemas de Illamento Térmico Exterior (SITE), coa que o Goberno de Inés Rey busca establecer o regulamento e as condicións para intervir nas fachadas dos edificios á hora de implantar sistemas que incrementen a súa eficacia enerxética.
O texto, que xa foi validado previamente a finais de novembro na Xunta de Goberno Local, establece os requisitos específicos tanto para os edificios catalogados como para os que, pese a non estar catalogados, contan nas súas fachadas con elementos de singular protección.
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, apuntou no pleno que esta ordenanza, que deberá volver ao pleno para a súa ratificación definitiva, dará un novo mecanismo ao Concello para paliar o impacto derivado das actuacións en materia de mellora enerxética na cidade, á alza polas convocatorias públicas de axudas.
Díaz explicou que se está a rexistrar un elevado número de intervencións neste sentido, «que, se ben incrementan a calidade de vida das vivendas, tamén dan lugar a un uso indiscriminado destas solucións, que en moitos casos transforman a composición e imaxe das fachadas dos edificios e, por tanto da cidade». O concelleiro expuxo que a ordenanza permitirá establecer un marco de condicións «para que a necesaria mellora dos nosos edificios non implique un deterioro irreparábel na imaxe urbana da cidade e na calidade das arquitecturas coas que convivimos día a día».
No caso dos edificios catalogados destácase que, con carácter xeral, non se permitirá instalar sistemas de illamento na cara exterior das fachadas dos edificios. Si haberá excepcións no caso, por exemplo, de intervencións que afecten a muros medianeiros, ás fachadas traseiras ou ás fachadas que dean a patios traseiros ou de quinteiro. Ademais, nos edificios situados no ámbito PEPRI, a concesión de licenza para intervir nas fachadas para acometer melloras de eficiencia enerxética deberá someterse ao ditame previo da Comisión Asesora.
No relativo ás intervencións de SITE en edificios non catalogados, o proxecto de ordenanza establece que, en xeral, permitiranse as actuacións sempre e cando o proxecto e tamén a intervención atendan a factores como o mantemento da composición e o cromatismo existente na fachada.
Ademais, as fachadas dos edificios que conten con elementos pétreos ou cerámicos que formasen parte do proxecto arquitectónico orixinal deberán reproducirse na actuación.
Cómpre lembrar que o texto da ordenanza, aprobado hoxe en fase inicial, pasará agora a información pública por un prazo de 30 días, o que habilitará ás persoas interesadas a efectuar as súas achegas e alegacións con vistas a configurar o texto definitivo.
Apoio aos concellos e persoas afectadas pola DINA
O inicio do pleno estivo marcado pola lectura dunha declaración institucional en apoio á veciñanza e aos concellos afectados pola DINA que arrasou localidades de Valencia, Albacete, Malága e Cuenca no pasado mes de novembro, deixando numerosas perdas humanas, con máis de duascentas vítimas.
A alcaldesa, Inés Rey, foi a encargada de ler o manifesto mediante o cal o Concello se adheriu á declaración impulsada pola FEGAMP, lembrando que «o municipalismo galego vai manter o seu apoio aos concellos afectados e tamén ás súas veciñas e veciños».
Rey apuntou que, «unha vez máis, hai que destacar o compromiso solidario e voluntario de todas as persoas que tamén, dende o primeiro momento, están a achegar a súa colaboración en todas as tarefas de limpeza e apoio á veciñanza afectada. Ten que ser un motivo de orgullo».
Noutra orde de asuntos, o pleno refrendou hoxe a suspensión cautelar do planeamento no ámbito das Percebeiras, en Labañou, unha medida que tamén abordou polo miúdo o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, apuntando á necesidade «estudar a modificación do planeamento vixente e establecer unha ordenación respectuosa co medio ambiente, a costa, coas vistas da Torre de Hércules e o territorio xa construído» nos alrededores do sector.
Díaz Gallego apuntou que a intención do Concello «non é paralizar ningún ámbito urbanístico, senón solucionar un problema que leva oito anos paralizado», subliñando que a previsión de vivenda protexida nas Percebeiras é dun 40%. «Con todo, entendemos que debemos minimizar o impacto negativo no territorio, porque un informe municipal do ano 2021 xa apuntaba á falta de integración co tecido urbano existente», advertiu.
O concelleiro lembrou que, ademais de que na contorna das Percebeiras se está a traballar na remodelación e modernización da ARI do grupo de vivendas María Pita, «tamén hai un informe elaborado pola Dirección General de Costa y Mar que solicitaba modificar unha edificación singular de 23 alturas, que se atende pola promotora na súa nova ordenación, mais o problema ven derivado do ensanchamento dos bloques, coa perda de calidade e dimensións dos espazos libres, o que fai imposible que se poda tramitar coa ordenación prevista no PXOM».