O PP de Lourenzá afea que “a alcaldesa se comprometera a xestionar coa Deputación a mellora da estrada da Cazolga e que non apareza no plan anunciado polo presidente que é da súa mesma cor política”

por Redacción Lugo

Os veciños e veciñas demandan mellorar a seguridade nesta estrada que é moi estreita e rexistra moito tráfico; pero “a alcaldesa está a incumprir o acordo do Pleno do Concello e a Deputación tamén desoe as necesidades do noso municipio”

O PP de Lourenzá afea “a falta de peso político” da alcaldesa socialista tendo en conta que se comprometera a xestionar ante a Deputación de Lugo melloras para garantir a seguridade na estrada da Cazolga, que é de titularidade provincial; pero, cando o presidente da Deputación anunciou fai uns días actuacións en vías de toda a provincia, non nomeou ao noso concello para nada”.

Os populares indican que “para Lourenzá, que está gobernado pola mesma cor política que o presidente da Deputación Provincial, non toca nada” cando “a propia alcaldesa coñece perfectamente as necesidades para a mellora de estradas provinciais no municipio”.

O portavoz, Roberto Díaz, lembra nese sentido que “hai un acordo do Pleno para pedir a mellora da estrada da Cazolga, a LU-P-2804, porque é moi estreita e ten moito tráfico”. Os propios veciños e veciñas teñen trasladado as súas queixas tras vivir situacións de perigosidade en distintos puntos por dous motivos, fundamentalmente: a insuficiente anchura da plataforma que non permite que se crucen dous vehículos e a falta de elementos de protección laterais.

O PP levou tamén este asunto ao Pleno da Deputación de Lugo a través dos deputados provinciais do Partido Popular ante o que o presidente asegurou en setembro do pasado ano 2023 que xa falara do tema coa alcaldesa “sen que vexamos ningún avance”. Polo tanto, “a alcaldesa incumpre o acordo plenario e a Deputación de Lugo desoe as demandas dos nosos veciños e as necesidades do noso municipio”.

Os populares engaden que “outras estradas provinciais ao seu paso polo noso concellos precisan tamén actuacións de mellora como, por exemplo, a LU-P-2803 cun firme mellorable e sen medidas de seguridade para os peregrinos que pasan por ela percorrendo o Camiño Norte”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario