O encontro enmárcase no compromiso da cidade coa solidariedade e o apoio ao pobo ucraíno.
Esta mañá a alcaldesa da Coruña, Inés Rey García, recibiu no Palacio Municipal ao alcalde de Mariúpol, Vadym Boichenko na súa visita a Galicia. O encontro subliña a cooperación entre ambas cidades e recorda o compromiso da Coruña con Ucraína.
Na delegación de Mariúpol participaron Vitaliy Falkovski, vicealcalde; Olha Pikula, asesora en Relacións Internacionais e Comunicación; Sergiy Zakharov, secretario de prensa; Alina Moskalenko, xestora do Housing Institute do Norwegian Refugee Council (NRC); e Diana Hradil, coordinadora de comunicación do NRC.
Tamén asistiron representantes de CESUGA, como Venancio Salcines, presidente do Consello Reitor; e Sonia Debén, directora xeral; xunto coa asociación AGA Ucraína, representada pola súa presidenta, Maria Pavlenko, e o vicepresidente, Óscar García Madarro.
A alcaldesa e o alcalde abordaron cuestións de interese común. Rey lembrou o apoio da cidade coa creación da OMAPU, a Oficina Municipal de Atención ao Pobo Ucraniano, posta en marcha polo Goberno local no 2022 para apoiar ás persoas desprazadas pola guerra. «Foi unha medida pioneira e recoñecida a nivel Europeo que amosou a solidariedade dos coruñeses e coruñesas» sinalou.