Inauguración en Teo da exposición “Heroínas De Tódolos Días” 

O vindeiro venres, 13 de decembro de 2024, ás 19:00 horas, terá lugar a inauguración da mostra “Heroínas De Tódolos Días”, no LOCAL Espazo da Arte da artista María Xosé Díaz (Travesía de Cacheiras, 29. Urbanización Os Muíños, Teo).

Trátase dunha serie continuada de retratos de mulleres de Camino Casabella, acompañados de textos, escritos tamén pola artista. O público da exposición poderá ler un resumo de cada texto exposto xunto ás pinturas, e tamén poderá ler os textos completos nun dispositivo móbil, escaneando un código QR na cartela de cada pintura.

En palabras de Camino Casabella, “esta é a miña homenaxe a unha serie de mulleres ordinarias que fan cousas extraordinarias cada día. Decidín poñelas en primeiro plano, porque as mulleres foron fundamentais no pasado, e son clave para o presente e o futuro. A lista destas mulleres é diversa e infinita. Xente guapa coma Sinéad O’Connor, Carola Rackete, Rosa Parks, Ciara Lawrence, YSÉE, Charlotte Courbe, Jessica Greenfield, Fernanda Arrojo ou Vero Boquete, entre moitas outras. A súa resistencia fronte a actitudes represoras é un exemplo de feminismo persistente e apoderado que non vemos a miúdo, pero que chegou para quedar. O meu propósito é poñer no foco de atención as historias da vida e da carreira destas mulleres; todas elas queren traballar para contribuír á sociedade, e fan fronte a grandes desafíos co propósito de superalos. Son mulleres abrindo camiño para que máis mulleres se adiquen a profesións tradicionalmente dominadas polos homes. Mulleres pioneiras, que rachan estereotipos de xénero, e adoptan roles de liderado. Mulleres que axudan a outras a acada-las súas metas. Mulleres e nenas que alzan a voz polos seus dereitos e loitan por eles. En ocasións, experimentaron reaccións negativas por parte dalgúns detractores. Pero por cada un deles, hai un milleiro de persoas que se aledan de ver cara a onde se dirixe o mundo para as mulleres. En ningunha parte do planeta as mulleres teñen tantas oportunidades coma os homes. Actualmente, en todo o mundo hai 122 millóns de nenas fóra da escola. Globalmente, a fenda salarial entre homes e mulleres é de aproximadamente un 20%. As mulleres están insuficientemente representadas nos parlamentos nacionais na maioría dos países, xa que tan só un 26,9% dos parlamentarios do mundo son mulleres. Xa era hora de que a súa voz fose escoitada, e de que comezásemos un movemento para que haxa xustiza para tódalas mulleres e nenas, en todo o mundo. Este proxecto é para todas elas.”

Comparte éste artículo
No hay comentarios