Organizacións pesqueiras, marisqueiras e ecoloxistas esixen máis ambición na proposta de regulamento para frear a contaminación por pélets plásticos que votará o Consello de Medio Ambiente o próximo 17 decembro
Hai un ano, as costas galegas sufriron un desastre ambiental de gran magnitude. O cargueiro Toconao derramou 26 toneladas de pélets plásticos, pequenos gránulos que formaron unha marea branca no litoral galego e cántabro. Este incidente non só danou gravemente o ecosistema mariño, senón que tamén puxo en risco ao sector pesqueiro e marisqueiro, ao afectar a biodiversidade e os recursos marítimos.
A vertedura evidenciou a necesidade urxente de reforzar as medidas de prevención para evitar futuros desastres deste tipo. Un ano despois, mentres a contaminación persiste en zonas como Tarragona de forma crónica, Ecoloxistas en Acción, Low Impact Fishers of Europe – LIFE, Mulleres Salgadas, Surfrider España, Good Karma Projects, Noia Limpa e The Pew Charitable Trusts instan nun comunicado para adoptar normativas máis ambiciosas para previr futuros accidentes.
Aínda que as organizacións pesqueiras, marisqueiras e ecoloxistas celebran os recentes avances na regulación europea para previr a perda de pélets plásticos, tamén advirten que a normativa actual presenta importantes carencias. O transporte marítimo, protagonista en incidentes como o do Toconao, podería quedar fóra do seu alcance. «Isto sería un erro crucial, xa que reforzar a seguridade no transporte, con embalaxes máis resistentes e medidas de estibado adecuadas, é esencial para evitar futuras verteduras ao mar», afirman.
Ademais, a contaminación crónica en zonas industriais que constitúen gran parte das perdas destas partículas plásticas anuais, como a que ocorre en Tarragona, evidencia a falta de controis efectivos. Como consecuencia, miles de pélets plásticos terminan anualmente no Mediterráneo, afectando gravemente á fauna mariña e ás comunidades costeiras. «Para abordar este problema, é imprescindible que todas as empresas e instalacións que manipulan estes materiais implementen plans obrigatorios de prevención, contención e limpeza ante posibles fugas», engade o comunicado.
Nas súas demandas, tamén se inclúe a creación dun sistema de certificación independente que supervise o cumprimento destas medidas. «Sen auditorías rigorosas e un protocolo claro de notificación e restauración en caso de incidentes, a responsabilidade polos danos queda nun limbo que prexudica tanto aos ecosistemas como ás comunidades humanas que dependen dun mar saudable», explícase.
As organizacións insisten en que a situación actual esixe actuacións máis decididas: «Tanto en Galicia como no Mediterráneo, as verteduras de pélets plásticos ameazan a biodiversidade, as cadeas alimenticias e os modos de vida tradicionais dos pescadores e comunidades costeiras. Non podemos permitir que estes materiais sigan escapando ao mar».
Por todo iso, fan un chamamento ás autoridades para que reforcen as medidas de prevención e seguridade, e establezan controis estritos que garantan unha contorna máis segura para os océanos. «Un ano despois do desastre do Toconao, protexer o futuro das nosas costas e mares debe ser unha prioridade inaprazable», conclúen.