O Ineltrón Santo Domingo Betanzos recibe o Ucoga Seguros Chantada

Os chantadinos ocupan a segunda posición da Liga.

Segue o calendario “de altura” para o Ineltrón Santo Domingo Betanzos. Se a semana pasada os de Doc visitaban Xión para medírense ao líder do Grupo AB da Tercera FEB (ao que acabaron derrotando por 94-99 no que foi unha das grandes sorpresas da xornada), nesta ocasión reciben na casa o segundo clasificado, o Ucoga Seguros Chantada, un dos clásicos da categoría, que han comparecer no Carregal cun balanzo de 7
vitorias e 2 derrotas.


O equipo, dirixido polo adestrador Alberto Fafián dende hai case 25 anos, é un conxunto que sempre logra reunir unha plantilla para competir polos postos de arriba, participando en varias ocasións nas fases de ascenso a Leb Plata (agora Segunda FEB) e ofrecendo un bo baloncesto, baseado fundamentalmente na súa solidez defensiva. Imposible dar só un par de nomes da plantilla: Carlos Noguerol, Manuel Ruano, Cristian Iglesias, Nilo Barreiro, Jesús María Cerisuelo (convertido en máximo anotador do equipo tras chegar do Cb Enrique Soler de Melilla), Hugo Rey.


Así valora o encontro Antonio Díaz “Doc”:Chantada é posiblemente o mellor equipo a nivel táctico da liga. Vainos esixir moito en ambos os dous lados da pista. Imos ter que estar moi concentrados e cometer pouco erros, xa que é un conxunto que adoita castigar os erros rivais con moita efectividade”.


A cita, o domingo ás 17h no Carregal (futuro pavillón municipal José María Valeiro Iglesias “Tocayo”.


Final da Coruña para o Grelo cadete e estrea dos Baby


Polo que toca ao resto de equipos do club, cunha nutrida xornada tras o descanso da fin de semana pasada, destaca a final da Coruña (previa á fase de ascenso á Primeira División) que medirá o Grelo Santo Domingo Betanzos de Sergio Gómez e Will Pereiro ao Culleredo B (Domingo 12h no IES Sofía Casanova) e a estrea dos máis pequenos do club, o equipo baby, os máis pequenos do club (nacidos en 2017 e anos posteriores), que participarán na concentración do Sofía Toro, en Cambre, o sábado. Outros partidos interesantes de canteira son os do J. Caamaño Arquitecto de Primeira División Infantil, de Toni Seijo e Alberto Caamaño, que reciben o sempre duro Estudiantes de Lugo no Carregal (sábado 12h) ou o partido das alevíns de Coruña Interiores contra Esclavas no Agra (sábado 9.30h). No que respecta aos equipos sénior, o equipo de Segunda Autonómica viaxa a Sarria o sábado, La Goleta xoga o seu partido de Terceira fronte ao Tigres Máis Descanso (Rábade) e o Grelo feminino recibe o Kempape o domingo ás 19.15h.

Comparte éste artículo
No hay comentarios