Lugo, un deserto en Educación, o lunar negro que urxe de medidas claras

O ensino pasa en Galicia por unha etapa de crecemento na Formación Profesional e na Innovación Educativa que se pretende implantar, con máis ou menos dificultades nalgúns dos casos. O Conselleiro Román Rodríguez, recibe a gobernos doutras comunidades autónomas para ensinarlles o modelo exemplar de Galicia, referente en moitos eidos e cunha boa imaxe externa, ademais de apoiarse nunha política de comunicación á vangarda, tanto nas formas coma no fondo, chegando aos contornos educativos, pero tamén, dun xeito importante á sociedade en xeral, mais a provincia de Lugo, preséntaselle coma un lunar, xa que parece un deserto nese relato dos feitos. 

En Lugo, os conflitos son cotiás, tanto cos centros educativos, coas organizacións sindicais, coma entre o propio persoal internamente, na comunicación das diferentes situacións aos equipos directivos. Algunhas das situacións vertebran das vacantes, da falta de directrices claras, a imposibilidade para reunirse con algúns dos responsables educativos con en ocasións unha negativa rotunda e noutras ata dous meses en espera, as malas contestacións, os gritos e os menosprezos, a dualidade nas respostas cando as hai, a falta de traballo ou os continuos cambios de criterio, en ocasións en varias liñas diametralmente opostas, deixan o asunto nun visto para sentencia.

21noticias, leva recibido a través de diferentes soportes, dende notas de prensa das organizacións que rexen ás ANPAS, de ANPAS a nivel individual, de organizacións sindicais, de membros de equipos directivos dos centros, de pais a título particular, de profesores e de mestres, algúns deles cun claro temor a represalias. Quen pode temer represalias no ano 2024 e especialmente de quen e en base a que? Triste e vergoñento. É certo que hai que contrastar a información, pero tamén é certo que non se recorda unha situación semellante. A meirande parte dela, contrastada e acreditada, unha minoría pode ser interpretable e opinable. 

Semella desconcertante, segundo apuntan fontes pertencentes a contornos sindicais, o desleixo, o descontrol e a falta de profesionalidade de quen rexe os designios da xefatura de Inspección en Lugo. Os sindicatos seguen agardando por unha xuntanza, que terá lugar no inicio da próxima semana, para a negociación das vacantes do CXT dende principios de Novembro, ao igual que agardaron meses para ser recibidos polo citado Xefe, a nivel xeral xerando unha tensión en aumento que traerá consigo movementos e en moitos casos, en situacións individuais que cadaquén tome as súas decisións, alleas nalgúns casos xa ao educativo.

Eu xubílome xa, pero así en pouco tempo acaban con todo

A falta de rigor, como a consulta a varios directores de centros educativos, preguntándolles se se lles enviaran directrices, por parte dos inspectores para a conformación dos Consellos Escolares, reforza os argumentos do desleixo absoluto de quen en lugar de coordinar, tal e como lles indica aos centros cada vez que hai unha confrontación, «descoordina» é dicir, é difícil facer unha valoración de algo que semella peor ca un circo. O Xefe, pregunta aos directores o que enviaron ou non os seus propios subordinados?  Unha directora comentaba,  «Eu xubílome xa, pero así en pouco tempo acaban con todo» , outro veterano director argumenta «de non velo, non o creo» 

A falta de vontade de diálogo, levouse tamén por diante varias pontes supostamente tendidas a sindicatos e a persoas con forza política, estando agora mesmo pechadas e con porta de saída. Nos corredors da Consellería en Santiago, o envío dun mensaxeiro para «vender» ben o produto ante as altas instancias, non fai máis que acrecentar o malestar claro por parte de moitos docentes, en moitos casos indefensos ante unha situación difícil de cualificar.  O mensaxeiro, máis alá, de formar parte do núcleo dunha das asociacións da provincia, non é máis ca un vello coñecido da administración, sen ningún poder de influencia. O movemento realizado polos responsables educativos en Lugo, non fai máis que autoinculparse dunha nefasta xestión.

As trincheiras a diario, cun ocultamento da información, dende a pasividade ante a Valedora do Pobo, as máis de 100 novas en diferentes medios de comunicación ordinarios e dixitais, contadas que non estimadas, cun bo número de concellos afectados, o non arranxo de varias situacións problemáticas en centros educativos baixo o «de eso olvídate, déjalo pasar» ou as dificultades en varios procesos dos Consellos Escolares, son o berce dun caldo de cultivo, en época de cocidos que non ten sentido ningún. 

Da Xefatura Territorial, nada que dicir, nin está nin se lle agarda, sendo partícipe de todo o indicado con anterioridade. Dous e dous son catro. 

Incluso nalgúns contornos docentes, iso si, contrarios sobre o papel á Administración Educativa, esbozase a posibilidade de que se poidan levar ao eido xurídico algunhas situacións, que xa transcenden doutros eidos. ¿Cales serán os seguintes pasos? 

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios