O BNG reclama máis servizos ferroviarios para Lugo e axilizar as infraestruturas

Néstor Rego advirte: “Se non hai trens, a intermodal de Lugo será só un decorado baleiro. Non queremos unha estación media-modal.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de anunciar que a formación nacionalista impulsará novas iniciativas nas Cortes do Estadopara exixir ao Goberno do Estado un compromiso real e firme co desenvolvemento ferroviario de Lugo. Rego advirte do risco de que a nova estación intermodal quede “baleira de contido real” se non se acompaña cunha mellora substancial das infraestruturas e, sobre todo, da ampliación da oferta de servizos ferroviarios.

Rego estivo acompañado polo tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o responsábel local do BNG, Antón Bao, así como representantes institucionais da organización nacionalista e cargos orgánicos do BNG.

“Unha estación sen trens non é unha intermodal, é unha media-modal. A veciñanza de Lugo leva décadas esperando conexións dignas e competitivas. O tempo pasa, anúncianse obras, mais os trens seguen sen chegar ou chegan con tempos impropios do século XXI” denuncia o deputado nacionalista.

“Aínda é preciso finalizar as obras con Ourense e modernizar a liña Lugo-A Coruña, para alén de impulsar a conexión con Compostela, xa en estudo grazas ao BNG”, sinalaRego.

A formación nacionalista tamén reclama a reposición e ampliación dos servizos ferroviarios: “os suprimidos nos últimos anos, así como a implantación de novas frecuencias e conexións que permitan vertebrar o territorio e garantir o dereito á mobilidade da cidadanía lucense”.

É por iso que o deputado do BNG no Congreso avanza unha ofensiva institucional para demandar o compromiso real e firme do executivo do Estado, sobre todo da carteira de Transportes, para impulsar e axilizar tanto as infraestruturas pendentes de executar como ampliar os servizos ferroviarios.

A estación intermodal que pode quedar como media-nodal

“A estación intermodal avanza, mais de pouco serve sen servizos. As vías van quedar cheas de herbas se non se aposta decididamente polo tren. Lugo non pode ficardescolgada da rede ferroviaria moderna” sinala o deputado do BNG no Congreso. Nesta liña, Rego subliña que as melloras iniciadas entre Ourense e Lugo son resultado directo dos pactos de investidura asinados polo BNG en 2020, mais insiste en que son só “os primeiros pasos dun camiño longo e imprescindíbel”.

A incerteza sobre a chegada real dos trens Avril e a conexión efectiva coa alta velocidade é outro dos puntos que preocupa á formación nacionalista. “Non se pode seguir utilizando como escusa que as obras non remataron. Lugo precisa compromisos firmes, orzamentos asignados e prazos claros”, concluíu Rego.

O BNG fai un chamamento aos representantes do PP e do PSOE en Lugo para que abandonen a confrontación estéril e se impliquen, con feitos e non con fotos, na defensa real das infraestruturas ferroviarias da provincia.

O BNG como única forza garante de impulsar as infraestruturas para Lugo

“Se se conseguiu a electrificación e modernización da rede ferroviaria entre Lugo e Ourense -que nos permitirá conectar coa alta velocidade- foi grazas ao BNG a través do Acordo de Investidura. Se se está a realizar o estudo para poder conectarnos con Santiago foi grazas ao BNG” enumera o tenente de alcalde de Lugo. 

Feita a posta en valor do que se está a facer, Arroxo sinala que existen outras cuestións -que están enriba da mesa grazas ao Acordo de Investidura conseguido polo BNG- que están pendentes de realizar: “a modernización da rede ferroviaria que nos conecte coa Coruña e, sobre todo, a ampliación dos servizos” reivindica.

Comparte éste artículo
No hay comentarios