Francisca Herrera, pioneira da novela en galego e primeira académica electa

A Casa Charry de Oleiros acolleu a presentación do volume nun acto coorganizado pola Real Academia Galega e o Concello onde pasou longas tempadas.

Coma Jane Austen, Francisca Herrera (A Coruña, 1869-1950) viviu nun ambiente pouco favorable ao mundo da creación literaria, compara Camiño Noia. A súa vocación de escritora emerxeu sendo nova, coa descuberta da poesía de Rosalía de Castro. E malia pertencer á burguesía coruñesa castelanfalante, decidiu publicar en galego, primeiro poesía e despois narrativa longa. “Convértese así nunha pioneira en galego neste xénero literario, e pódese dicir que na voz de muller máis importante no campo literario da xeración das Irmandades da Fala”, valora a catedrática emérita da Universidade de Vigo no volume que recompila a obra escrita na lingua do país de quen foi a primeira académica electa e protagonista do Día das Letras Galegas de 1987. 

A filóloga presentará Francisca Herrera y Garrido. Obra en galego na Casa Charry esta tarde (19 horas), acompañada polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o rexedoroleirés, Ángel García Seoane; e o sobriño neto da escritora, José Leoncio Areal, editor do libro, nun acto coorganizado pola Academia e o Concello de Oleiros. A investigadorarecuperou en 1981 a figura da autora -estreitamente vinculada ao concello oleirés, onde pasou longas tempadas- como a primeira narradora en galego do século XX coa reedición da novela Néveda (1920). Catro décadas despois, sae do prelo esta completa contribución na que, a iniciativa de José Leoncio Areal, a profesora asumiu a edición de todos os seus textos literarios en lingua galega, que abranguen, xunto a Néveda, outros títulos de narrativa e poesía, así como varios inéditos. 

Camiño Noia ofrece ademais no volume unha completa biografía da escritora, a quen define como vítima das súas ideas conservadoras. “Herrera escribe fóra do seu tempo textos de inspiración romántica e folletinesca cargados de sentimentalidade tópica, de fonda relixiosidade e en defensa da muller esposa e nai. Tiña condicións e medios para chegar a ser unha grande escritora, de liberarse da súa educación tradicional nun catolicismo integrista. Mais esa bagaxe impediulle participar nos círculos literarios coruñeses e madrileños onde se falaba da literatura moderna, da evolución das artes e da sociedade, que a farían reflexionar e abandonar as ideas rancias do patriarcado”, analiza. 

E malia esta bagaxe, Francisca Herrera sorteou os prexuízos lingüísticos da época, valora tamén o presidente da Academia. “Superou os clixés que limitaban o galego á expresión poética e cultivou unha prosa dotada dunha notable riqueza léxica”, recoñece Víctor F. Freixanes, quen lamenta que a longa demora na tramitación do seu ingreso na Academia impedise que chegase a ler o seu discurso, dedicado a Rosalía de Castro. Designada o 4 de marzo de 1945 académica de número, redactou a alocución cunha rapidez excepcional e entregoulla á institución o 11 de abril dese mesmo ano. A Academia tardou dous anos en decidir que fose Antonio Couceiro Freijomil quen lle dese resposta, e este tardou outros dous en redactar a súa intervención. Herrera y Garrido faleceu en novembro de 1950, aos 81 anos de idade, sen que aínda se fixase data para a súa recepción oficialcomo a primeira muller membro do pleno da corporación que botara a andar en 1906.

O volume inclúe tamén unhas notas biográficas nas que José Leoncio Areal afonda, entre outras cuestións, na correspondencia que Francisca Herrera mantivo co ensaísta francés Philéas Lebesgue entre o Nadal de 1920 e a primavera de 1950, a quen lle escribiu practicamente sempre en galego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios